Qualcomm prepara unhas lentes de realidade mixta con Google e Samsung
venres, 6 de setembro do 2024
O director xeral de Qualcomm, Cristiano Amon, explicou nunha entrevista para a CNBC que a súa compañía está a colaborar con Samsung e Google para crear unhas lentes de realidade mixta que estarían ligadas ao smartphone, o que sería un enfoque moi diferente ao de Apple coas súas Vision Pro.
Amon asegura que «será un novo produto, achegará novas experiencias» e confía en que a proposta de que as lentes dependan dun smartphone poida resultar atractiva.
Haberá que ver en que se diferenciará o produto doutras solucións que hai no mercado, pois non podemos esquecer que as célebres lentes de Meta lanzadas en colaboración con Ray-Ban funcionan cun procesador de Qualcomm, polo que o novo produto tería que contar con elementos diferenciais que animasen aos consumidores a adquirir un produto dunha categoría nova da que aínda non perciben a súa necesidade.