Qualcomm presenta a súa nova plataforma para cascos de realidade aumentada

xoves, 5 de decembro do 2019 Marcus Fernández

As novas tecnoloxías que prepara Qualcomm non van dirixidas só á telefonía móbil, senón que tamén avanza no ámbito da realidade virtual, a realidade aumentada e a realidade mixta, para o que presentan a nova plataforma Snapdragon XR2, que sería a primeira plataforma de realidade estendida (XR) en soportar a conectividade 5G, o que combinado coa intelixencia artificial pretende axudar a crear unha nova era de computación móbil.
A grande potencia da plataforma Snapdragon XR2 supón melloras en resolución e capacidade de cálculo e, moi especialmente, supón unha redución da latencia, o que permite que a cámara integrada nuns cascos poida entregar unha imaxe de realidade mixta auténtica, permitindo así ver unha mestura entre o mundo real e o mundo virtual a través dun casco de realidade virtual.
A potencia gráfica da nova plataforma permitirá pantallas de 3.000 x 3.000 píxeles por ollo a 90 imaxes por segundo, así como poderá mover vídeos de 360 graos en 8K a 60 imaxes por segundo, o que permite a somerxerse en gravacións fotorrealistas.
De cara á interactividade, XR2 pode xestionar até 7 cámaras simultáneas, o que permitiría seguir en tempo real os movementos de cabeza, beizos e ollos, con 26 puntos de seguimento de mans, conseguindo así unha interacción cada vez máis natural.
Confiamos en que nos vindeiros meses chegarán ao mercado solucións que tirarán proveito desta tecnoloxía para achegar novas experiencias de realidade aumentada que non dependan de ordenadores persoais, evitando así a incomodidade dos cables, e permitindo así tamén expandir os escenarios de uso (especialmente no ámbito profesional).

PUBLICIDADE