Qualcomm presenta os seus novos procesadores para móbiles

luns, 21 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Qualcomm presentou hoxe a nova xeración da súa plataforma de procesadores para móbiles Snapdragon 8, que tras o Snapdragon 8 Gen 3 sorprende adoptando un nome que racha co anterior, Snapdragon 8 Elite, o que semella querer deixar claro que estamos ante un procesador que busca revolucionar o mercado dos smartphones.
A plataforma Snapdragon 8 Elite preséntase como algo máis que unha actualización, grazas á incorporación dunha CPU Qualcomm Oryon, que é a primeira da súa categoría, conseguindo un desempeño sen precedentes.
Os novos procesadores están deseñados pensando en correr modelos de IA xenerativa multimodais en local, poderán mover xogos desenvolvidos con Unreal Engine 5.3 con soporte total de Nanite (conseguindo gráficos incribles), farán un uso intensivo da NPU para conseguir fotografías perfectas (xa que recoñecerá elementos como a pel e o ceo, para axustar as cores o mellor posible), consegue acelerar a navegación na web até un 62% en Chrome, é capaz de reiluminar retratos empregando IA en tempo real, a súa combinación de GPU e CPU consegue xogos realmente fluídos, permite a creación mediante IA de imaxes detalladas, facilita a creación de efectos de vídeo máxicos (como o borrado de obxectos) mediante IA, contan con novas melloras na súa IA para facilitar a detección de mascotas a través da cámara e incluso integra a tecnoloxía Qualcomm Expanded Personal Area Network (XPAN) para manter comunicacións cun son de calidade aínda que o usuario se estea a mover por un grande espazo.
A nivel numérico, con Snapdragon 8 Elite conséguese, con respecto a Snapdragon 8 Gen 3, unha mellora do 45% no desempeño da CPU, mentres que na GPU o desempeño mellora un 40% (un 35% no caso concreto do ray tracing). A nivel de NPU a mellora sería do 45%. Aseguran que de xeito xeral o sistema conseguiría un aforro enerxético dun 27%, o que resulta moi beneficioso no contorno móbil.
Aínda que todas estas afirmacións haberá que velas en dispositivos reais para poder poñelas a proba, non parece que vaiamos ter que agardar moito para ver smartphones con estes procesadores, asegurando fabricantes como Asus, Honor, OnePlus, Oppo, Realme, Vivo, Xiaomi e Samsung que xa están a traballar na integración dos Snapdragon 8 Elite nos seus vindeiros móbiles de alta gama.

Vídeo promocional da plataforma Snapdragon 8 Elite