Qualcomm presenta un lector de pegadas dixitais que pode integrarse detrás de pantallas

mércores, 28 de xuño do 2017 Marcus Fernández

En 2015 presentouse a tecnoloxía Snapdragon Sense ID, que prometía analizar pegadas dixitais a través de cristal, aluminio, aceiro inoxidable, zafiro e plástico, o que permitía integrar lectores de pegadas en smartphones sen facer grandes cambios no seu deseño e, grazas os recoñecemento tridimensional das pegadas, presumía de ser tolerante a algo de sucidade ou humidade, conseguindo unha mellora fronte aos lectores de pegadas do momento, e agora Qualcomm volve á carga presentando en Shanghai unha nova xeración desta tecnoloxía, que mediante ultrasóns permite a detección de xestos direccionais e a lectura de pegadas incluso baixo a auga, que pode funcionar a través do metal, o vidro e incluso pantallas, presumindo de ser a primeira solucións deste tipo que tamén é capaz de detectar o ritmo do noso pulso e o fluxo sanguíneo.
Estes avances de Qualcomm vanse notar especialmente nos smartphones que cheguen nos vindeiros meses, xa que poderán agochar o seu lector de pegadas debaixo da propia pantalla, facéndoo invisible, sendo esta tecnoloxía compatible cos novos procesadores Qualcomm Snapdragon 660 e 630, aínda que tamén poderá empregarse con plataformas que non sexan Snapdragon, polo que practicamente calquera fabricante poderá facer uso desta revolucionaria tecnoloxía que facilitará un maior aproveitamento efectivo da parte frontal dos smartphones (sen ter que mover o lector de pegadas á parte traseira).
Qualcomm tamén concretou que os seus novos sensores de pegadas para metal e vidro estarán dispoñibles para os fabricantes este mesmo mes, polo que na primeira metade de 2018 chegarían ao mercado, mentres que os sensores de pegadas para agochar tras as pantallas non se entregarían aos fabricantes para a súa avaliación até o cuarto trimestre do ano. Curiosamente estes últimos sensores están a amosarse hoxe cunha versión modificada do VIVO XPlay 6, aínda que só co propósito de demostrar esta tecnoloxía, de xeito que aínda non é posible confirmar se o fabricante chinés será o primeiro en comercializar esta tecnoloxía.
Cómpre advertir que Qualcomm non é a única compañía que está a traballar en sensores de pegadas que funcionen detrás de pantallas, e coméntase que Synaptics sería a compañía que achegaría tal solución a Samsung.

PUBLICIDADE