Qualcomm proba con éxito o seu 5G para móbiles

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que as redes móbiles 5G non serán unha realidade comercial até o ano 2020, os fabricantes xa están a realizar probas para facer posible esta nova xeración da telefonía móbil que ofrecerá velocidades moi elevadas e abrirá posibilidades para novos produtos e servizos. Como exemplo temos que hoxe mesmo Qualcomm anunciou que conseguiu establecer unha conexión de datos 5G valéndose do chipset Qualcomm Snapdragon X50 5G no espectro mmWave de 28 GHz. Tamén amosou o seu primeiro deseño de referencia para smartphones 5G para probas e optimización da tecnoloxía 5G coas limitacións de consumo e tamaño dun smartphone.
As probas efectuadas en San Diego conseguiron velocidades de descarga de 1 Gbps, para o que agregaron varias conexións 5G a 100 MHz, demostrando tamén a conexión de datos en mmWave a 28 GHz (tecnoloxía de banda estreita que prevese que incrementará significativamente a capacidade de rede).
Qualcomm xa foi a primeira compañía en anunciar un modem 5G o ano pasado, de xeito que agora estaría a dar conta dos seus avances neste ámbito para conseguir cumprir o seu obxectivo de ter produtos 5G no ano 2019, cando comezará o espallamento desta tecnoloxía.

Vídeo promocional do 5G móbil de Qualcomm

PUBLICIDADE