Qualcomm venderá un ordenador con procesador ARM para desenvolvedores

martes, 21 de maio do 2024 Marcus Fernández

En xuño teremos os primeiros equipos no mercado con procesadores Qualcomm Snapdragon X Elite, que abrirán as portas á nova xeración de ordenadores persoais para a IA, e para facilitar que as aplicacións informáticas se adapten a procesadores ARM dende Qualcomm anuncian que van ofrecer aos desenvolvedores un equipo informático de sobremesa con esta tecnoloxía, que pode lembrarnos a un Mac mini, aínda que cunha configuración máis avanzada.
O Snapdragon Dev Kit for Windows é un potente ordenador equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon X Elite (X1E-00-1DE) capaz de funcionar até a 4,3 GHz (ou sexa, que sería máis potente que os portátiles con estes procesadores anunciados onte, pois non estaría limitado pola necesidade de ter unha boa autonomía), cunha gráfica Adreno capaz de chegar os 4,6 TFLOPS, cunha NPU capaz de realizar 45 billóns de operacións por segundo, 32 GB de RAM LPDDR5X, 512 GB de almacenamento NVMe, 3 portos USB C 4, 2 portos USB-A 3.2, Ethernet, jack de audio e HDMI, nunha carcasa de só 199 x 175 x 35 milímetros e cun peso de 970 gramos.
Este pequeno ordenador sería ideal para correr de xeito nativo aplicacións para Windows para procesadores ARM (facilitando o seu desenvolvemento con Visual Studio), aproveitaría as funcións avanzadas de IA en local e incluso sería capaz de mover até 3 monitores 4K de xeito simultáneo, conformando un escritorio óptimo para o desenvolvemento sen grandes problemas.
Os interesados neste equipo poden inscribirse para recibir información cando estea dispoñible para a súa compra, prevéndose que os seus envíos aos compradores comecen o 18 de xuño e que o prezo de venda sexa de 899 dólares, o que parece unha magnífica opción para desenvolvedores se temos en conta que un Mac mini semellante (con CPU de 12 núcleos e 32 GB de RAM) tería un prezo de venda de 2.374 euros.