Quantum Break chega a PC cunha divertida medida anti-copia

mércores, 6 de abril do 2016 Marcus Fernández

Onte saíu á venda para Xbox One o xogo Quantum Break, e poucas horas despois o xogo incorporouse tamén á tenda de aplicacións de Windows 10, onde pode mercarse por 69,99 euros, e permitindo así que os usuarios de ordenadores persoais poidan gozar dun xogo que inicialmente só tiña previsto o seu lanzamento en consola.
A versión para Windows 10 tamén permite gozar de características de Xbox LIVE como logros, DVR de xogos, marcadores en liña e moito máis, aínda que para poder gozar deste título precisamos dun equipo bastante potente que como mínimo teña unha configuración que parta dun procesador Intel Core i5-4460 a 2,7 GHz, gráfica nVIDIA GeForce GTX760 con 2 GB de memoria, 8 GB de RAM, e 68 GB de espazo de disco libre, aínda que recoméndase contar cunha gráfica nVIDIA GTX970 con 4 GB de memoria e 16 GB de RAM para poder tirar proveito deste xogo, especificacións que poucos equipos acadan actualmente, polo que non pareza que a versión para PC vaia erosionar as vendas de Xbox One (especialmente porque a versión para PC é considerablemente máis cara, cando habitualmente acontece o contrario).
Curiosamente a versión para PC ten integrada unha medida anti-piratería, que pode verse se entrarmos no xogo tras desconectarnos da Tenda de Windows, que consiste en amosar ao protagonista do xogo cun parche de pirata nun ollo, ovo de Pascua que Remedy xa incluíu noutros xogos no pasado. Cómpre detallar que polo momento só se atopou esta característica, xa que o xogo está lonxe de verse crackeado.

Para poder gozar dos gráficos e efectos visuais de Quantum Break baixo Windows 10 é preciso contar cun equipo informático moi potente

PUBLICIDADE