Quobis organiza unha xornada profesional sobre redes sen fíos WiFi e Wimax

martes, 17 de abril do 2007 Raquel Noya

A empresa galega de enxeñería de telecomunicacións, Quobis, vén de anunciar o desenvolvemento dunha xornada profesional sobre novos servizos de redes sen fíos WiFi e Wimax na que (amais dos responsables da dita compañía) tamén participarán os responsables de produtos das súas partners Alvarion e Cisco Systems.
O acto celebrarase o vindeiro 24 de abril no Centro Social Caixanova en Vigo e, para participar, os interesados terán que dirixirse previamente á páxina web da empresa, www.quobis.com, na que poderán formalizar a inscrición requirida.
Nesta xornada, logo de que o responsable de Quobis, David Prieto, expoña o seu relatorio sobre Redes WiFi e WiMAX: diferenzas e semellanzas, Jesús Menéndez e Carlos Martínez de Cisco Systems e Alvarion (respectivamente) afondarán nas solucións que cadansúa entidade ofrece de cara á tecnoloxía sen fíos e á mobilidade.
O evento concluirá co relatorio Exemplos innovadores de aplicación de redes sen fíos, do responsable da empresa Quobis Networks, Iago Soto.

PUBLICIDADE