R analiza en GaliciaTIC solucións combinadas de imaxe, vídeo e IA para acadar a plena dixitalización
mércores, 19 de outubro do 2022
Comezou
a edición número 20 de GaliciaTIC,
o foro do sector TIC de meirande antigüidade na nosa terra, e entre
as grandes protagonistas do congreso atópase a operadora de orixe
galega R, colaboradora do evento e patrocinadora dende hai cinco
anos. A empresa encargouse tamén de organizar e coordinar unha mesa
temática sobre a chamada hiperautomatización, baseada en
combinar solucións tecnolóxicas a prol da dixitalización e da
sustentabilidade dos negocios. GaliciaTIC estase a celebrar entre
este mércores 19 e o xoves 20, no auditorio do Edificio Fontán da
Cidade da Cultura (Santiago).
Na
mesa redonda, desenvolvida a primeira hora deste mércores, afondouse
no concepto cada vez máis estendido de hiperautomatización,
metodoloxía clave para competir cos mercados máis desenvolvidos e
avanzados do mundo.
Baixo
o título Imaxe, vídeo e Intelixencia Artificial, claves da
hiperautomatización das empresas, Alberto Díaz Freire,
responsábel de Transformación Dixital de R, encargouse de moderar e
coordinar a mesa de traballo. Ademais, nela interviñeron os expertos
Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) da empresa
galega Cinfo, Xoel Váquez, CEO e fundador de Xoia Reality e
Alexandre Bastos, fundador de Áncora.
A
idea foi explicar de que maneira esa hiperautomatización
estase a converter nunha verdadeira aliada de futuro para asegurar a
dixitalización total e os procesos sustentábeis nas empresas
baseándose en solucións tecnolóxicas combinadas. En concreto
falouse de como se pode artellar o tratamento de imaxe e vídeo nas
propostas da Intelixencia Artificial e máis do emprego doutras
iniciativas baseadas en Realidade Virtual. Estas dúas van ser,
coincidiron, ferramentas clave á hora de dixitalizar e automatizar
por completo os procesos empresariais, o que lles permitirá ás
firmas xerar novos ingresos e optimizar o traballo dos negocios.