R anuncia que dispón de VoLTE nas súas liñas móbiles

martes, 8 de xullo do 2025 Redacción

O servizo móbil de R incorpora chamadas de voz a través da rede 4G grazas á tecnoloxía VoLTE, sen implicar ningún custo adicional para os usuarios. A implementación desta tecnoloxía permite unha mellora substancial na calidade das chamadas: audio en alta definición, son máis claro, menor ruído de fondo e establecemento máis áxil da comunicación. Esta tecnoloxía permite falar e navegar ao mesmo tempo sen perdas de rendemento e cun consumo de batería inferior ás redes anteriores (que teñen previsto o seu apagamento no futuro).
As persoas que dispoñan de liña móbil con R, un dispositivo compatible e se atopen en zona con cobertura 4G poderán acceder a este servizo avanzado. Se o terminal non activa VoLTE automaticamente, cómpre seguir as indicacións que realiza o operador na súa páxina web.

Uso en roaming

A dispoñibilidade do servizo en itinerancia depende de cada país e operador local (segue a haber compañías que non ofrecen o servizo). Para utilizar VoLTE no estranxeiro, é importante ter activadas as opcións de roaming e chamadas internacionais.