R chega por vez primeira ao concello de Valga

venres, 21 de xaneiro do 2022 S. P.

O concello pontevedrés de Valga vén de unirse á listaxe de máis de 140 municipios con conexión directa ás redes de nova xeración da operadora de orixe galega R, ao incorporarse recentemente 117 fogares e negocios dos núcleos de Desabanda e do Coto á súa infraestrutura. Segundo informou a compañía, todas estas vivendas e empresas “poden dispoñer xa dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado grazas á nova rede de fibra óptica de R”, unha infraestrutura que a empresa se atopa modernizando nas catro provincias dende 2021.
Os traballos acabados de realizar en Valga correspóndense coa primeira fase do proxecto local. A previsión é rematar 2022, ao abeiro do Plan Avanza do Goberno central, con 272 residencias e empresas do concello pontevedrés conectadas, tamén nos núcleos de Campo e Medela.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH (fibra até o fogar) en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (as chamadas “zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans terase investido un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Valga enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, Norte de Pontevedra e Oeste de Lugo). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 2,6M€.

PUBLICIDADE