R cita á rapazada de Lugo coa robótica construtiva o día 16

mércores, 13 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os obradoiros itinerantes Crea R da operadora de telecomunicacións de cable van facer unha parada este 16 de novembro en Lugo, e farano cun obradoiro sobre robótica. Nel, sinala R, as nenas e nenos da cidade poderán potenciar a súa creatividade e facer voar o seu espírito emprendedor, ao tempo que adquiren nocións básicas sobre programación da man da escola de emprendemento xuvenil Líbolis. A sesión terá un formato didáctico á par que divertido, sendo o obxectivo contribuír a que a rapazada saiba o doado que é pasarmos de simples usuarios de tecnoloxías a facérmolas nós mesmos.
Entre as cousas concretas que poderán facer atópanse un coche de plastilina condutiva con luz propia, unha maqueta urbana na que se incluirá un semáforo programado por eles/as mesmos/as, ou mesmo unha barreira de acceso tamén dentro dunha maqueta.
A cita será no Edificio de Novas Tecnoloxías (Praza Anxo Fernández Gómez, s/n de Lugo), onde se desenvolverá o obradoiro de 11:00 h a 13:00 h para un máximo de 30 nenas/vos.
A sesión completarase cun recanto para os maiores: no mesmo edificio, as nais, os pais e as docentes poderán recibir consellos dun pedagogo especializado, que lles resolverá dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer de internet, das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. “A través de casos prácticos e de dinámicas”, sinala R, “pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquietudes como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas débeselle pór ao uso das pantallas”. Asemade, falarase da nova terminoloxía neste campo (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todas/volo cambio dixital.
Pilotando a sesión, pensada para un máximo de 40 persoas, contarase coa presenza dun experto de Sherpa Dixital, que tentará guindar luz a esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova.
Os talleres crea R proseguirán o seu periplo até final de ano visitando as localidades de Cambre e Santiago, tras percorrer este ano as cidades de Ourense, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Carballo, Viveiro e Vilanova de Arousa. En todos os casos, os obradoiros están abertos ao público xeral, clientes e non clientes do operador galego. Toda a información para participar témola no blog de R Digitalent 2020, o programa de AMTEGA ao que se abeiran estas actividades da operadora.

PUBLICIDADE