R colabora de novo coa Fundación Celta de Vigo

venres, 24 de xaneiro do 2025 S. P.

A operadora galega R e a Fundación Celta de Vigo veñen de renovar o seu acordo de colaboración empresa-entidade na tenda R da rúa García Barbón de Vigo. Neste acto estiveron presentes o director da Fundación olívica, Germán Arteta, o director de R, Alfredo Ramos, e Alberto García, membro do Padroado da Fundación Celta, amais da presenza de xogadores e do corpo técnico do conxunto.
Así, R volve colaborar de xeito oficial co Celta Integra, que xoga en LaLiga Genuine, competición de equipos formados por persoas do colectivo D.I. (con Discapacidade Intelectual) e organizada por LaLiga.
Segundo Germán Arteta esta participación é fundamental para potenciar a visibilidade do noso proxecto e fortalecer iniciativas que promoven a inclusión e o desenvolvemento dos nosos xogadores.
Como colaborador do conxunto até o remate da presente tempada 2024-25 de LaLigaGenuine, o logo de R estará presente no equipamento deportivo dos xogadores e do corpo técnico (manga dereita e peito das pezas), e figurará igualmente na web do equipo. O acordo referenda ese interese común da Fundación Celta e R por promover a mellora constante e o crecemento e adaptación social do conxunto e das persoas que o conforman.
Asemade, R dálle percorrido, acompañando ao Celta Integra, á súa inquietude pola colaboración social para contribuír á mellora de vida dos/as habitantes de Galicia a todos os niveis.
Para rematar dicir que o proxecto de LaLiga Genuine, que vincula fútbol e integración social, comezou a súa andaina da man de LaLiga hai sete tempadas. O campionato xógase na modalidade de Fútbol 8 (partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha) e a tempada divídese en 4 fases, que se desenvolven en diferentes sedes.
Para que prime a deportividade na competición, onde participan conxuntos do colectivo D.I., os clubs contan con puntos que premian o xogo limpo, ademais da puntuación polos resultados deportivos.