R conectará á súa rede un milleiro de domicilios e empresas de Guitiriz

martes, 7 de xullo do 2020 Sonia Pena

A operadora R vén de facer reconto das súas actuacións recentes no concello do Guitiriz, en Lugo, destinadas a conectar online un número significativo de fogares e negocios do termo municipal, achegándolles até 500 Mbps simétricos. Os traballos no dito termo municipal da Terra Chá permitiron que 850 residencias particulares e empresas poidan xa gozar das redes de nova xeración da firma galega de telecomunicacións, unha cifra que se incrementará con 150 unidades máis en datas vindeiras, co que estariamos a falar dun total de 1.000 inmóbeis. A intervención de R consistiu no fornecemento de fibra óptica de última xeración (tecnoloxía FTTH) e desenvolveuse aproveitando “ao máximo” as infraestruturas do concello.
En virtude dos traballos realizados, as ditas empresas e fogares poderán recibir servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
Este e outros despregues na provincia de Lugo forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para habilitar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento en Guitiriz encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.
Un segundo proxecto inclúe o fornecemento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€.
O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). Os despregamentos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

PUBLICIDADE