R confirma que as chamadas de voz polo móbil son un 110% máis longas dende o inicio da crise
mércores, 8 de abril do 2020
A
operadora galega R fixo un
balance da actividade xerada nas súas redes e nos seus servizos ao
longo desta tempada de crise sanitaria e confinamento, marcada polo
Estado de Alarma polo COVID-19. Segundo explica no reconto a compañía
tecnolóxica, a crise e a reclusión da xente nos fogares traduciuse
“nun aumento xeral dos servizos de telecomunicacións”, motivado
tanto polo incremento do teletraballo como pola demanda de voz e
datos para “cubrir as necesidades das familias para manterse
conectadas cos seus seres queridos”.
En
concreto, R rexistrou un incremento do 63% no consumo de banda larga
fixa nos fogares galegos, ao que se engaden picos de consumo de datos
que representan un 45,56 % máis con respecto a períodos anteriores
á alarma sanitaria. Amais, as chamadas de voz polo móbil son un
110% máis longas, sendo do 100% en materia de telefonía fixa.
Por
outra banda, o tempo consumido na oferta de televisión en directo
medrou un 47 % (ata 4,5 horas diarias) e a de contidos baixo demanda
un 32 %.
Polo
que se refire aos servizos de mensaxes instantáneas, aumentou un
300% o volume de datos empregados en Whatsapp.
En
materia de tempos e incrementos rexistrados por semanas, foron as
primeiras semanas as máis activas en consumo de datos, cos picos
máis elevados.
Como
dixemos, o aumento de uso das telecomunicacións ten o seu reflexo
nos servizos de voz de R dende o inicio do estado de alarma
sanitaria, tanto nas comunicacións de fixo como nas de móbilR. Así,
rexistrouse un incremento de máis do 45 % no tráfico de telefonía
fixa e de máis do 60 % no de telefonía móbil. En definitiva,
“fanse máis chamadas e, ao tempo, a duración de cada unha delas
medra de xeito sensíbel”, segundo explica R no seu informe.
Máis
horas ante o televisor
Con
respecto á televisión, R constatou que nestes momentos o consumo
medio diario é de 5,4 horas, un 45 % máis do habitual. Ademais, o
tempo consumido na oferta de contidos na televisión en directo
medrou nun 47 % (até as 4,5 horas diarias) e a de contidos baixo
demanda incrementouse un 32 %. Pola súa banda, os consumos de
contidos infantís en TV subiron nun 54 % e os de cinema para toda a
familia, un 55 %.
Melloras
e seguimento continuo
R
lembra que para garantir o máis óptimo funcionamento das súas
redes e servizos 88 técnicos dos equipos de Sistemas e Rede do Grupo
Euskaltel, ao que R pertence, están a traballar na actualidade para
garantir “unha rede de calidade”, dimensionándoa para soportar
“estes incrementos de tráfico inusuais e controlándoos para
identificar picos de uso superiores e lanzar as ampliacións
correspondentes”.