R converte o bono social de Internet da Xunta nunha axuda indefinida de inclusión TIC

mércores, 24 de maio do 2023 S. P.

A operadora de orixe galega R decidiu prorrogar indefinidamente o bono social de Internet ou bono dixital que concede a Xunta de Galicia. Fíxoo co obxectivo de conseguir “que as persoas con menos recursos poidan seguir o ritmo dos tempos actuais, teñan acceso a Internet e non queden atrás no uso das novas tcxnoloxías”.
A compañía explica que o bono dixital é unha axuda pública de 240€ anuais (20€ ao mes), e quen o recibe deixa de desfrutalo transcorridos os seus 12 meses de vixencia. R, no seu compromiso por “minorar a fenda dixital e favorecer os colectivos máis vulnerábeis”, decidiu converter esta axuda en indefinida grazas ao programa Internet Compromiso.
Alta velocidade e máxima cobertura en favor da integración social
Con esta iniciativa social, familias desfavorecidas terán acceso a unha conexión simétrica dende 300 Mbps nos seus fogares e Wi-Fi 6 de altas prestacións por un prezo reducido de 14€ sen límite de tempo.
Para conseguir o bono dixital da Xunta de Galicia a persoa debe acreditar que é beneficiaria da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV) na comunidade.
Con Internet Compromiso de R os colectivos e familias que menos teñen poderán gozar de accesos a Internet por fibra ata os seus fogares: R instalaralles unha conexión simétrica de 300 Mbps (con opción de 600 Mbps ou 1 GB) e un router Wi-Fi 6 de altas prestacións, para que “poidan tirarlle
todo o partido a unha conexión de Internet de calidade”.
Quen non sexan clientes/as de R, poden solicitar o bono dixital da Xunta de Galicia na súa sede electrónica, onde haberá que achegar a documentación para ser beneficiario/a da axuda do goberno galego. Unha vez validado o bono daráselle á persoa un código que deberá introducir no formulario da web de R.
Aínda que o bono dixital da Xunta só está dispoñíbel para novos/as clientes/as de R (novas altas), quen xa sexan usuarias/os do operador galego poden contratar tamén de xeito independente Internet compromiso de R e beneficiarse do desconto de 20€ de xeito indefinido sempre e cando o produto que xa teñan contratado con R sexa dun nivel igual ou inferior que o de Internet Compromiso.

PUBLICIDADE