R e Eurosport, co Gran Premio de España de Motocross

mércores, 30 de abril do 2025 S. P.

Os próximos 10 e 11 de maio, o mellor motocross do mundo aterra en Galicia coa celebración do Gran Premio de España de MXGP no Circuíto Municipal Jorge Prado de Lugo, un evento de referencia mundial que este ano contará co patrocinio da operadora galega R e da súa canle deportiva Eurosport.
Grazas a este patrocinio, os clientes de R poderán vivir de preto a emoción do motocross cunha promoción exclusiva que lles permitirá conseguir entradas gratuítas para asistir ao evento. Será “unha oportunidade única para gozar en directo do espectáculo do MXGP na terra do campión lucense Jorge Prado”, explican dende a organización, engadindo que os seareiros poderán seguir todo o Campionato do Mundo de Motocross en directo e ao completo a través da canle Eurosport, incluído na oferta de televisión de R. “Esta cobertura permite aos amantes do motor non perderse ningunha carreira, desde calquera dispositivo e coa máxima calidade”, sinalan.
R, operadora líder de telecomunicacións en Galicia, reafirma con esta colaboración o seu compromiso co deporte e con Galicia, sumando este patrocinio á súa ampla traxectoria de apoio a eventos e iniciativas locais.