R e Innovasur materializarán o Centro de Ciberseguridade do Concello de Ferrol

martes, 23 de xullo do 2024 S. P.

Ferrol contará en poucos meses cun Centro de Operacións de Ciberseguridade (SOC) para seguir avanzando na protección das infraestruturas e dos sistemas dixitais e de comunicación cidadá municipais. A posta en marcha e xestión deste novo espazo (que se prevé operativo dende este outono) foi adxudicada á UTE liderada pola operadora galega R xunto ao seu socio tecnolóxico Innovasur e finánciase cos fondos Next Generation da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
O propósito deste proxecto é reforzar globalmente os sistemas de información municipais e os servizos públicos que presta o Concello para protexer as persoas e empresas usuarias ante calquera ameaza dixital, explicaron as empresas, engadindo que para o dito obxectivo “potenciarase a monitoraxe de procesos, co obxecto de detectar canto antes, entre outros, intentos de subtracción de datos, secuestros de dispositivos, suplantación de identidades ou calquera tipo de ataques ás infraestruturas tecnolóxicas municipais do Consistorio ferrolán”.
R e Innovasur engaden que o novo centro terá a capacidade de “blindar todas as comunicacións e relacións telemáticas municipais, sobre todo a través da súa páxina web, a sede electrónica e as aplicacións móbiles, para reducir o risco de que se materialicen incidentes cibernéticos que lle afecten a seguridade do Concello”.
O director executivo de Innovasur, Juan José Prieto, sinalou que “un dos puntos clave do SOC deseñado para o Concello de Ferrol é o de garantir unha monitoraxe continuada durante as 24 horas do día os sete días da semana, de xeito que non importa o momento no que se produza calquera intento de ataque ou fenda de seguridade xa que haberá sempre un equipo de profesionais facendo seguimento e preparado para facerlle fronte e salvagardar a integridade da infraestrutura”.
Pola súa banda, Alfredo Ramos, director de R, manifestou a súa satisfacción porque o Concello de Ferrol confíe na UTE do operador galego e Innovasur para pór en marcha e desenvolver o novo Centro de Operacións de Ciberseguridade da cidade, e destacou que “este traballo reverterá en beneficios para a seguridade de persoas e empresas da contorna ferrolá que xestionan acotío dixitalmente comunicacións e trámites administrativos co Concello de Ferrol, cada vez máis á vangarda das cidades galegas en materia de ciberseguridade e resiliencia dixital”.