R e LG brindan o seu apoio ao equipo da Fundación Celta Integra

venres, 13 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O operador R formalizou onte o seu apoio ao equipo Fundación Celta Integra, constituído por deportistas con capacidades diversas. A presentación da colaboración celebrouse en Vigo, nun acto no que participaron os integrantes da fundación, o director da mesma, Germán Arteta, o director de Marketing Empresa do Grupo Euskaltel (do que forma parte R), David del Campo e máis o director xeral de móbiles de LG, Nacho Ángel.
Durante a cita, entregáronse 26 smartphones da devandita marca a outros tantos futbolistas da fundación, na sede do RC Celta en Vigo. De feito, o fabricante LG participa xunto a R no acordo de colaboración. Por certo que R tamén lles brindou aos rapaces servizo de móbilR durante un ano.
Con este patrocinio, a Fundación Celta e máis R queren “poñer en común o interese de ambas as dúas entidades por contribuír á mellora constante, o crecemento e a adaptación social do equipo e das persoas que o integran”. Así, até o remate da presente tempada 2019-20 de LaLigaGenuine a marca R estará presente nas actividades do Fundación Celta Integra desenvolvidas pola Fundación Celta.
O proxecto de LaLiga Genuine, que vencella fútbol e integración social, comezou a súa andaina da man de LaLiga hai dúas tempadas. Trátase dunha competición formada por conxuntos do colectivo DI (persoas con Discapacidade Intelectual), na que ademais da suma de puntos polos resultados deportivos e para que prime a deportividade, todos os clubs contan cunha serie de cualificacións que premian o xogo limpo. O campionato xógase na modalidade de Fútbol 8 (partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha) e a tempada divídese en 4 fases que se desenvolven en diferentes sedes.

PUBLICIDADE