R e MasOrange completan a despregadura do plan UNICO 5G Rural

martes, 7 de xullo do 2026 Redacción

R e MasOrange completaron a implantación da cobertura móbil 5G nos 245 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes incluídos no programa UNICO 5G Redes Activas. A infraestrutura prevista xa está construída ou activada na súa totalidade, un avance que permitirá ofrecer unha cobertura 5G case total en Galicia antes de que remate o ano, segundo as previsións do operador.
O proxecto permite que fogares e empresas de zonas rurais ou de difícil acceso dispoñan de conectividade 5G SA, unha tecnoloxía que ofrece menor latencia, maior estabilidade e mellores prestacións para servizos avanzados. A iniciativa desenvolveuse co apoio do programa UNICO 5G Redes Activas, financiado polos fondos europeos NextGenerationEU e xestionado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A actuación estendeu a cobertura 5G SA ao 80 % dos concellos galegos, nos que reside aproximadamente o 20 % da poboación da comunidade. A elevada dispersión demográfica converteu a extensión desta infraestrutura nun importante reto técnico.
Entre os municipios beneficiados atópanse Negueira de Muñiz, o concello menos poboado de Galicia, con 237 habitantes segundo o INE de 2025, así como A Teixeira (347 habitantes), Larouco (443), Pontedeva (467) e Ribeira de Piquín (492). En total, o programa abrangue 245 municipios galegos.
A maiores deste plan, R asegura que continúa ampliando a súa cobertura móbil mediante outras actuacións dirixidas a núcleos especialmente illados, incluídas aldeas e parroquias con moi poucos habitantes, co obxectivo de reducir a fenda dixital e facilitar o acceso aos servizos dixitais en igualdade de condicións coas áreas urbanas.
O director de R e responsable territorial de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos, afirmou que «falarmos de 5G UNICO Rural é falarmos de igualdade de oportunidades, a base para que calquera persoa en Galicia poida formarse, traballar e emprender dende o rural en condicións similares ás das cidades». Tamén destacou que a aposta da compañía pretende poñer a tecnoloxía «ao servizo das persoas, do campo, da industria agroalimentaria e da sostibilidade», favorecendo que o talento poida permanecer ou regresar ao rural.
Durante 2026 tamén se incorporaron novas solucións para mellorar a cobertura no interior dos edificios. Entre elas figura cachocobertura R, un sistema baseado nunha femtocelda autoinstalable que permite ofrecer sinal móbil en vivendas e negocios onde, por características construtivas, a cobertura exterior resulta insuficiente. O operador tamén lembra a dispoñibilidade do servizo VoWiFi, que permite realizar chamadas a través da rede wifi cando a cobertura móbil é limitada.
R destaca igualmente a expansión do seu servizo Internet Rural, que emprega tecnoloxía 5G para proporcionar acceso de banda larga fixa en zonas sen cobertura de fibra óptica. A solución xa está dispoñible en preto de 300 concellos galegos e prevé chegar a arredor de 300.000 inmobles, con velocidades de ata 1 Gbps e conectividade Wi-Fi 6.