R e MasOrange xa levan a 5G a máis do 65 % dos municipios galegos de menos de 10.000 habitantes co plan ÚNICO 5G

martes, 4 de novembro do 2025 S. P.

A operadora galega R fixo balance da súa cobertura de 5G na nosa terra e avanzou tamén algunhas liñas estratéxicas da súa folla de ruta para os vindeiros meses. Segundo fixo saber a empresa, esta xa levou xa a súa cobertura móbil 5G a máis de 80 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes no marco do programa ÚNICO 5G-Redes Activas, do que MasOrange (grupo ao que R pertence) resultou principal adxudicatario en Galicia. Ademais, en breve completaranse os traballos en máis de medio centenar de concellos, e en 2026 preto de 250 (dos 313 que ten Galicia) gozarán xa da tecnoloxía 5G SA (Stand Alone), que é, en palabras de R, “a máis completa, estable e avanzada, e que reduce ao máximo a latencia (resposta de conexión inmediata).
Trátase do 80 % dos concellos da comunidade nos que se concentra tan só o 20 % da poboación de Galicia, o que, segundo lembra a operadora galega, “dá unha idea da súa dispersión e do que supón chegar ata o último recuncho de Galicia con esta tecnoloxía de última xeración”.
Así, por exemplo, dispoñen xa de cobertura 5G SA o municipio menos poboado de Galicia, Negueira de Muñiz (Lugo), con 215 habitantes, ou o de Larouco (Ourense), con pouco máis de 430.
O programa de axudas UNICO 5G_Redes Activas, financiado polo Fondo de Recuperación da Unión Europea NextGenerationEU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno), prevé traballos en Galicia en preto de 1000 estacións móbiles, 100 delas de nova construción. Ata agora avanzouse xa en máis de 630 emprazamentos e en máis do 65 % dos municipios do plan, que se prevé que estea rematado na primavera de 2026.
Após a última convocatoria de axudas, a finais de 2024, MasOrange foi a principal adxudicataria en Galicia, cun total de 70 millóns de euros de investimento ata finais de 2026, dos que 22,7M€ corresponden á Coruña, 20,5 a Lugo, 17,6 a Ourense e 9,6 a Pontevedra.
O obxectivo é “contribuír ao desenvolvemento do rural galego e situar a comunidade á vangarda en redes móbiles de última xeración”, sinalou R.
Banda larga con 5G ata o último recuncho de Galicia
R tamén destaca o feito de terse convertido “na primeira operadora que dota a clientes sen fibra en Galicia dunha solución 5G converxente fixo e móbil”. Deste xeito, 296 municipios galegos (A Coruña, 88; Lugo, 65; Ourense 83; Pontevedra, 60) xa gozan do servizo Internet Rural, solución de banda larga a través de 5G (co Mambo Axiña) para ofrecer alta velocidade e Wi-Fi 6 ás poboacións de aldeas e lugares onde non é posible levar a fibra óptica.
Cando se completen os traballos, 300.000 inmóbeis dispersos pola orografía galega gozarán de velocidades de ata 1 Gbps e poderán facer uso de múltiples dispositivos á vez, traballar en remoto ou ver a televisión coa máxima calidade, cunha experiencia moi similar á opción óptima da fibra e moi por diante das conexións por satélite.
Minorar a fenda: compromiso de R con Galicia
A boa marcha dos dous desenvolvementos (móbil 5G SA e Internet Rural para banda larga con 5G) permitirá que, en breve, a práctica totalidade dos fogares e empresas galegas conten coa conectividade móbil e fixa máis avanzada tamén no medio rural ou en zonas de acceso complicado. Este balance, sumado ás porcentaxes no contexto urbano de Galicia, apunta a unha cobertura total 5G do territorio a moi curto prazo.
A redución da fenda dixital é un dos grandes compromisos de R dende que comezou a súa andaina hai máis de dúas décadas. “Mantivemos sempre, reforzada agora con MasOrange”, explican, “unha decidida aposta polo desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico de Galicia, que se concretou en máis de 2.300 millóns de investimento acumulado no territorio ao longo da súa traxectoria”.
Salientan que R é en Galicia “a opción preferida por fogares e negocios, e o operador con maior cobertura de banda larga da comunidade, cunha rede de fibra que chega a máis de 1,7 millóns de fogares nos 313 municipios galegos, onde pode gozar da súa alta velocidade case que a totalidade da poboación”.
Activismo rural dende a tecnoloxía e GaliciaTIC
O rural galego, polo tanto, xa non é espectador, senón protagonista da revolución dixital. “Grazas á 5G de R e ao legado de pilotos pioneiros do grupo MasOrange con esta tecnoloxía avanzada, aldeas e pequenas localidades están a liderar xa a transformación tecnolóxica da comunidade galega”. Disto falou hai uns días Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, no foro de referencia GaliciaTIC, onde incidiu en que “falar de 5G UNICO Rural é falar de igualdade de oportunidades, a base para que calquera persoa en Galicia poida formarse, traballar e emprender dende o rural en condicións similares ás cidades”.
Na mesma liña, Ramos explicou que “para os nosos equipos o activismo rural é traballar para que vivir e emprender nesta contorna non sexa unha desvantaxe. É pór a tecnoloxía ao servizo das persoas, do campo, da industria agroalimentaria e da sostibilidade. E tamén, facilitar que o talento fique ou volte e que o rural estea en igualdade de condicións para competir, medrar e liderar. Dende R e dende MasOrange, seguiremos apostando por un rural conectado, innovador e con futuro”.
Municipios de menos de 10.000 habitantes que con cobertura móbil 5G SA de R
(realizados e en curso)
A Coruña
Touro (nova construción), Frades (nova construción), Vedra (nova construción), Sobrado (nova construción), Lousame (nova construcción), Ares, Cabanas, Camariñas, Cariño, Carnota, Carral, Cerceda, Coirós, Curtis, Frades, Malpica de Bergantiños, Moeche, Neda, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, Toques, Tordoia, Touro, Val do Dubra, Valdoviño e Vedra.
En datas vindeiras completaranse os traballos en Abegondo, Aranga, Cabana de Bergantiños, Cedeira, Cerdido, Irixoa, Laxe, Mañón, Mazaricos, Mesía, Mugardos, Muros, Muxía, Outes, A Pobra do Caramñal, As Somozas e Vimianzo.
Lugo
Barreiros (nova construción), Meira (nova construción), Baralla, Becerreá, Begonte, Cervo, O Incio), Mondoñedo, Monterroso, Muras, Negueira de Muñiz, Paradela, A Pobra do Brollón, Rábade e O Valadouro.
Proximamente rematarán os traballos en: Baleira, Cervantes, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Ribas do Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto e Xermade.
Ourense
Oímbra (nova construción), Trasmiras (nova construción), Vilamarín (nova construción), Amoeiro, Beariz, Os Blancos, A Bola, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Cualedro, Esgos, A Gudiña, Larouco, Leiro, Maside, Parada de Sil, A Peroxa, Punxín, Ribadavia, Riós, Sarreaus, A Teixeira, Verea e Vilamartín de Valdeorras.
Proximamente rematarán os traballos en: Allariz, Avión, Bande, Boborás, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Gomesende, Laza, Lobios, Melón, A Mezquita, Monterrei, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Piñor, A Pobra de Trives, Rairiz de Veiga, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Vilar de Santos.
Pontevedra
Catoira (nova construción), Caldas de Reis, Catoira, Crecente, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, As Neves, Pontecesures, Portas, Ribadumia e
O Rosal. En datas vindeiras rematarán os traballos en: Moraña e Vilaboa.