R e Quattro IDCP gañan o Premio de Publicidade en Galego convocado por Política Lingüística

luns, 3 de outubro do 2022 S. P.

Alfredo Ramos, director de R, recibindo o galardón de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García

A operadora de telecomunicacións R e Quattro IDCP veñen de gañar o XXVIII Premio de Publicidade en Galego (convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística) cun vídeo de ánimo e agradecemento á xente galega na pandemia. O traballo que está na orixe do recoñecemento, o vídeo Vai escampar, editouse en 2020, en plena pandemia da COVID co obxectivo de “animar e lles dar as grazas a certos colectivos e ás persoas de Galicia en xeral polo seu esforzo nas duras semanas do confinamento e da crise sanitaria”. Os Premios de Publicidade en Galego son convocados anualmente pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para premiar accións publicitarias desenvolvidas en lingua galega e promover o uso do idioma nesta contorna profesional.
Alfredo Ramos, director da operadora galega de telecomunicacións, e máis Jaime Conde, director da axencia galega de publicidade Quattro IDCP, recolleron no Parlamento de Galicia o Premio de Publicidade en Galego, este luns 3 de outubro, na categoría de televisión polo seu traballo audiovisual Vai escampar.
Con esta referencia ao refrán galego “nunca choveu que non escampara”, R quixo lanzar unha mensaxe de ánimo á xente e, ao tempo, “recoñecer o labor dos colectivos profesionais que estaban a demostrar no confinamento de 2020 a súa implicación plena na loita contra o coronavirus”.
A peza, difundida en televisión e en medios dixitais, inspirouse no traballo de Bob Dylan Subterranean Homesick Blues, considerado un dos primeiros vídeos musicais da historia.
Jaime Conde, director da axencia, salientou na entrega de premios que “durante a pandemia, a sociedade esixía que as marcas estivesen do lado da xente, sen imposturas; e iso só é posible se hai detrás anos de traballo para construír unha marca sólida, relevante e honesta (...) A historia de Quattro IDCP está intimamente ligada á de R e sentímonos profundamente orgullosos de ter contribuído a consolidar e transmitir os valores da marca ao longo de máis de 20 anos de traballo compartido, que se teñen materializado en decenas de campañas e accións de publicidade, nas que a frescura, o carácter galego e a firme aposta pola lingua foron sempre unha constante”.
Pola súa banda, Alfredo Ramos, director de R, revalidou as palabras de Jaime Conde ao asegurar que “cando camiñas a carón dunha empresa que comprende o que procuras e a onde queres chegar, o traballo é sempre moi doado; Quattro coñece R dende o berce e sen dúbida que é unha peza esencial no mantemento dos valores da nosa marca ao longo dos tempos”.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García, convoca, con periodicidade anual, os Premios de Publicidade en Galego, coa finalidade de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

PUBLICIDADE