R e o Círculo seguirán formando as empresas galegas en innovación, tecnoloxía e sustentabilidade
venres, 14 de marzo do 2025
Despois de anos de alianza, a operadora galega de telecomunicacións R vén de renovar o convenio co Círculo de Empresarios de Galicia co obxectivo de seguir impulsando proxectos e accións de valor para o tecido empresarial galego. Segundo explicaron as dúas entidades, “este ano 2025 revalida a confianza mutua e o compromiso do Círculo e de R mediante vías de colaboración que potencian o desenvolvemento socioeconómico da comunidade e preparan as empresas galegas para competir en calquera mercado mundial”.
María Borrás, presidenta do Círculo, e Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia, asinaron xa o acordo que converte a operadora galega en patrocinadora institucional da entidade tamén este ano.
Para o Círculo, a renovación deste convenio de carácter estratéxico reafirma a súa aposta pola formación do empresariado do territorio, que volve contar cun socio tecnolóxico galego como asesor dixital dos membros da entidade. María Borrás incidiu en que “este acordo é prioritario para nós porque no Círculo exercemos de panca para a transformación dixital do noso tecido produtivo, e para logralo temos o mellor aliado estratéxico, R e MasOrange”.
Pola súa banda, Alfredo Ramos, manifestou que “de novo, estamos moi contentos de colaborar co Círculo para promover proxectos e accións que fomentan o espírito emprendedor e a mellora continua do tecido socioeconómico galego. Levamos máis dunha década traballando na transformación dixital das empresas da comunidade, acompañándoas no proceso, a carón do Círculo, e este ano queremos seguir avanzando con elas nos temas máis vinculados á innovación e á sostibilidade”.
Coma en anos anteriores, R e o Círculo porán en marcha un programa de actividades dirixidas a directivos e empresarios de Galicia, profesionais libres ou representantes de organismos públicos. Ao longo de 2025 desenvolveranse eventos centrados na innovación tecnolóxica e na sostibilidade, ao compás das tendencias e vangardas que marcan os nosos días.
-Encontros de innovación e tecnoloxía. Ciclo de tres xornadas públicas-mesas redondas conducidas por R para tratar tendencias do mercado e a transformación das empresas coa incorporación definitiva das novas tecnoloxías. Serán a segunda edición do encontro IA. Intelixencia Artificial, o futuro e as primeiras de Mundo Dixital e Martech: fusión de Márketing e Tecnoloxía. O negocio na era dixital.
-Conversas estratéxicas dixitais con directivos de empresas. R leva tamén a batuta de Dous+un directo: achegando o futuro, ciclo de tres encontros virtuais interactivos e dinámicos nos que dous empresarios ou directivos representativos compartirán coa audiencia unha conversa estratéxica e, á vez, práctica e próxima, sobre temáticas de referencia. Falarán en clave de presente e sobre todo, ao futuro, dinamizados por un moderador de R que exercerá como entrevistador/a.
-I Foro anual de Sostibilidade. Encontro empresarial onde, baixo o título A sostibilidade empresarial: a linguaxe das empresas con futuro, R ofrecerá a súa colaboración para abordar a importancia da sostibilidade nas empresas e o seu impacto nos negocios. Será un evento en formato híbrido, virtual e presencial en contido, relatores e público, para lograr un maior acceso, alcance e impacto da xornada.
Ademais destas accións, R estará presente institucionalmente na web do Círculo, como vén facendo dende hai anos, e continuará sendo asesor dixital dos socios da entidade. “Todo iso, a prol do seu compromiso co desenvolvemento socioeconómico de Galicia, en particular, e co avance da comunidade en todos os niveis, en xeral”, explicaron fontes da operadora galega.