R e o Círculos de Empresarios seguirán axudando ás nosas empresas a transformarse dixitalmente

venres, 15 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O operador de Telecomunicacións R vén de renovar a súa colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia para, nas súas palabras, facer avanzar a transformación das empresas e entidades da nosa contorna á era dixital: un proceso necesario para gañarmos en competitividade, eficiencia, eficacia, rendibilidade, calidade na xestión e sustentabilidade. O novo acordo foi formalizado na sede coruñesa da firma TIC pola presidenta do Círculo, Patricia García, e o director de Empresas de R e máis do Grupo Euskaltel (do que forma parte a operadora galega) Isidro Fernández De la Calle. Con este novo convenio, sinalaron, “ratificamos o noso compromiso con Galicia”.
Baixo o dito obxectivo conxunto poranse en marcha unha serie de actividades concretas, como a posta en macha dun ciclo de xuntanzas tecnolóxicas (os Almorzos R) dirixidas ao tecido empresarial de Galicia e conducidas por convidadas e convidadas referencias na súa actividade, que compartirán as súas experiencias e coñecementos co auditorio para “tentar mellorar o modelo de negocio das empresas e facilitarlles a súa adaptación aos cambios no mundo dixital”. Por temáticas, tocaranse cuestións como a Realidade Virtual e Aumentada, os chatbots, a Internet das Cousas (IoT), a Intelixencia Artificial, a análise da información a gran escala (Big Data), a cadea de bloques (blockchain) ou a ciberseguridade, entre outras.
Ao abeiro da alianza renovada, R participara, asemade, noutra serie de xornadas dedicadas aos principais retos e tendencias da economía, os mercados globais e outros contidos programados polo Círculo para achegar temas considerados de proxección na actualidade. Amais, o mesmo contexto deste novo convenio alongará o percorrido da iniciativa Startup Café, Conectando Ecosistemas, un programa de actividades relacionado coas contornas do emprendemento e do investimento no que participan como convidadas e convidados responsábeis de empresas de éxito. Por último, R patrocinará tamén unha sesión do programa Encontros Encírculo, accións continuadas dun programa de actividades onde a entidade que preside Patricia García é o punto de referencia.

PUBLICIDADE