R é o provedor de Internet que máis velocidade garante en Galicia

martes, 12 de agosto do 2008 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de publicar os últimos datos sobre a calidade dos provedores de Internet relativos ao primeiro trimestre de 2008 e estes revelan que a meirande parte das conexións ofertadas na nosa Comunidade “non superan o 85 por cento da velocidade prometida”.
Máis, segundo se recolle do I Estudo de velocidade sobre banda larga no 2008 elaborado por adslzone.net, o operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, “é o provedor que máis velocidade garante en Galicia” xa que ofrece como mínimo de media o 87,5 por cento da conexión no seu produto de 9 megas, porcentaxe que sobe ata o 90,2 por cento no caso das conexións de 6 megas e ata o 92,6 por cento nas de 1 mega.
Pola contra, as liñas de ADSL que máis velocidade prometen aos usuarios (as de 20 megas) “non chegan a ofrecer realmente nin a metade da conexión e o provedor que máis velocidade ofrece acada tan só o 46,6 por cento do produto ofertado”.
Así o indica este I Estudo de velocidade sobre banda larga no 2008, que tamén asegura que “o cable ofrece máis velocidade que o ADSL” e que “R obtén en Galicia resultados moi satisfactorios, entregando o 89 por cento da velocidade que promete na modalidade de 1 megabit”.
Por outra banda, R foi, asemade, o provedor de Internet mellor valorado de España durante os últimos 5 anos pola OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) e acadou a mellor valoración nacional no seu acceso a Internet na quinta enquisa de AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación).
Cunha participación total do 2,4 por cento, os clientes de R dan unha valoración do operador galego de 4,07 sobre 5.

A importancia da rede

A diferencia dos provedores de ADSL, que ofrecen servizo sobre as redes de par de cobre de Telefónica, R está a despregar en Galicia unha nova rede de fibra óptica tamén permite unha alta calidade nas conexións. Esta nova rede HFC (fibra óptica e coaxial) na que R investiría 700 millóns a finais de 2008, ofrece cobertura a case 640.000 empresas e fogares galegos e permite que os usuarios dispoñan de máis velocidade nas súas conexións a Internet. Así, mentres o 60% das conexións en España durante o ano pasado era de 3-4 megas, o 61,6% dos clientes de R gozaba de entre 6 e 9 megas. (Fonte: CMT).

Datos sobre a comparativa

Na comparativa non se inclúen os operadores de cable Euskaltel, Telecable e ONO, xa que non operan en Galicia. Tampouco se inclúe a Tele2 porque non se publicaron datos relativos á calidade do seu servizo de Internet.
Os datos pódense contrastar nas webs de cada un dos operadores: Telefónica, R, Jazztel, Orange e Ya.com.

PUBLICIDADE