R e outra media ducia de operadoras comprométense a fortalecer a conectividade

venres, 20 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Goberno e as operadoras de telecomunicacións, entre as que se atopaba a galega R (a través do Grupo Euskaltel), asinaron este venres 20 un acordo para fortalecer e asegurar a conectividade das persoas e das empresas nestes tempos de confinamento forzoso nos fogares, teletraballo e restricións presenciais. No pacto participaron Cellnex Telecom, Euskaltel, MasMovil, Orange, Telefónica, Vodafone e a Asociación Nacional de Operadores de Telecomunicacións e Servizos de Internet (AOTEC).
As compañías mostraron o seu “compromiso coa sociedade nestes momentos de especial dificultade nos que a conectividade é un elemento fundamental para a cidadanía, tanto desde o punto de vista persoal e social, como laboral”, amais de asegurar que farán “os maiores esforzos” para garantir a comunicación das familias e as empresas, e, nun plano máis específico, a operatividade das redes e a axilidade de resposta ante incidentes, “especialmente no que respecta ás redes que dan soporte aos servizos de emerxencia”.
A través da alianza establecida este venres tamén se quixo poñer o foco na necesidade de “facer un uso responsábel dos servizos de comunicación”, ou sexa, de dar prioridade ás tarefas necesarias e de non saturar as redes nos intres de meirande tráfico, entre outras medidas que garantirán o seu bo funcionamento.
Na sinatura participou a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, que transmitiu os seus agradecementos ás empresas de telecomunicacións “pola súa responsabilidade”, así como a todos os traballadores que cada día se esforzan para reforzar, supervisar e manter a calidade das telecomunicacións nesta situación de emerxencia sanitaria.
Segundo o acordo asinado hoxe, durante o período de duración do estado de alarma as chamadas realizadas ao número de atención sanitaria 061 serán gratuítas para o cliente e igualmente de balde en interconexión para os operadores, asumindo cada un deles os seus propios custos de rede.

PUBLICIDADE