R envorca esforzos en mitigar as consecuencias da proliferación do COVID-19

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Alfredo Ramos, director xeral de R

A operadora galega R vai botar unha man para mitigar os efectos do COVID-19 e do seu avance imparábel. Segundo informou a cableira con sede principal na Coruña, vai emitir de balde canles infantís e de cinema, reforzar as conexións de telefonía móbil e implantar medidas para facilitar o traballo en remoto (teletraballo) entre os seus empregados.
No comunicado emitido pola empresa, tamén fai saber que abrirá as súas canles infantís para o desfrute da rapazada que, por mor das restricións impostas polo Goberno galego, non poderá acudir aos colexios nos vindeiros quince días, ou, polo menos, até que a situación se normalice.
Todas estas medidas e moitas máis forman parte do plan de choque presentado esta mañá pola compañía dirixido a paliar as consecuencias negativas da crise sanitaria. Todas estas medidas activaranse dende este venres 13, son de balde e, segundo apunta a empresa, “non requiren ningunha acción por parte dos clientes”.
Medidas internas e continuidade
R adoptou diferentes medidas de continxencia para “atender posíbeis afeccións que o COVID-19 poida xerar nas comunicacións entre persoas, institucións e empresas durante a crise sanitaria que afecta nestes momentos ao país”, entre elas, o teletraballo para as súas persoas e o aseguramento da continuidade das telecomunicacións para fogares e empresas.
A nivel interno, estas son as medidas establecidas en detalle:
· Todos os empregados teñen os medios necesarios para teletraballar (portátil, móbil, conectividade VPN...) e “comprobouse e dimensionouse todo para que o 100 % dos traballadores poidan traballar desde fóra das instalacións en caso de necesidade”.
· A compañía conta con protocolos que prohiben viaxes, reunións presenciais, e en xeral, concorrencias altas de persoal en espazos reducidos.
· Estableceuse a posibilidade de que as persoas pertencentes a colectivos de risco para a nova doenza, persoas que teñan ao seu cargo persoas de pouca ou de elevada idade e con problemas por peches de colexios, centros de maiores, persoas que teñan en casa enfermos con síntomas gripais poden solicitar o teletraballo de forma inmediata.
Atención ao cliente
R engade no seu comunicado que desde atención ao cliente xa se traballa en diferentes medidas de continxencia, co “obxectivo de que o servizo de atención ao cliente non se resinta”. No entanto, a operadora lembra que moitas das canles de información e contacto con R poden facerse a través de correo electrónico, redes sociais, a aplicación móbil da empresa e as páxinas web, tanto para información de produtos e servizos como para notificar unha avaría. Ademais, a firma recorda que dende a área de clientes da web é posíbel facer xestións personalizadas, como consultar produtos, consumos, pagamento de facturas, xestión de cambios e moitas opcións máis.
No ámbito de negocio empresa, as plataformas de atención ao cliente e soporte técnico que levan as operacións nas empresas clientes xestionaron o aseguramento das conexións remotas para facilitar o uso de portátiles e comparten os plans de continxencia con elas para axudarlles en calquera xestión relacionada coa conectividade. “Ademais”, engade R, “os responsábeis comerciais encárganse de manter informado o cliente de todos aqueles aspectos que puidesen incidir na xestión do seu servizo”.
Tamén se adían para máis adiante as actividades culturais e tecnolóxicas dirixidas aos seus clientes polo Grupo Euskaltel (monólogos R, obradoiros de robótica para nenos crea R...) que estaban programados para estes días.

PUBLICIDADE