R equipa a JEALSA da tecnoloxía precisa para optimizar o seu gran salto internacional

xoves, 26 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

As instalacións da conserveira JEALSA en Bodión, no concello de Boiro

A conserveira boirense JEALSA ten establecida unha alianza con outro referente empresarial galego: a operadora de telecomunicacións e cable R. A colaboración entre os dous xigantes do noso tecido empresarial estase materializar no fornecemento a JEALSA de solucións dixitais para os seus actuais (e ambiciosos) procesos de medre e procura de novos mercados. En termos máis concretos, R subminístralle tecnoloxías de Internet das Cousas (IoT) e análise de información a gran escala (Big Data) para os procesos de xestión, almacenaxe e avaliación de datos en modo servizo.
A alianza ten tres eixes temáticos concretos (crecemento, innovación e diversificación) a partir dos cales collen corpo definitivo iniciativas concretas de fortalecemento, competitividade e transformación. Por exemplo a incorporación dunha rede corporativa de datos con accesos multi-tecnoloxía tanto para as sedes estatais de JEALSA como para internacionais (Italia, Chile, Brasil, Guatemala e Portugal) e con solucións de aseguramento incorporadas en todas elas.
Segundo informa R, “grazas ao noso proxecto na conserveira, baseado en solucións de VMware, a compañía de Boiro dispón agora dunha infraestrutura de TI moderna, flexíbel, robusta e segura, sempre dispoñíbel e con capacidade para asegurar o seu negocio e poder seguir innovando”. Ademais, R salienta que co novo modelo cloud (computación na nube) impulsado por JEALSA, a compañía conserveira “pagará polas infraestruturas que realmente usa”, grazas á solución de TI (Tecnoloxías da Información) con capacidade para evolucionar no tempo e adaptarse a novas realidades e demandas, procesos de crecemento da empresa.
Antonio Rodríguez, director de Informática e Comunicacións de JEALSA Rianxeira asegura: “Non chegariamos ser o primeiro fabricante de conservas de España e o segundo de Europa sen unha grande aposta pola innovación. Este proxecto axudaranos a seguir crecendo e a centrar os nosos esforzos no que mellor sabemos facer: ofrecerlles os mellores produtos aos nosos clientes”.
VMware: infinidade de datos seguros e almacenados
Segundo explican dende R, “grazas á nosa experiencia JEALSA apostou polas solucións do provedor tecnolóxico VMware para a xestión da súa infraestrutura de TI e dun centro de respaldo mediante o despregue da plataforma VMware vCloud Director para que a compañía poida continuar coa súa operativa en caso de desastre”.
Ademais dotouse á empresa dun centro de datos en remoto, coa elección de VMware vCloud Availability e a creación dunha plataforma de servizo multicloud federada.
Ao mesmo tempo, para dar a conexión máis segura a Internet nas súas sedes en Europa, dotouse a conserveira dun Servizo Firewall Avanzado (UTM), dunha rede Wi-Fi corporativa coa solución Wi-Fi Empresa do Grupo Euskaltel, tanto para o despregue estatal como internacional e dunha ferramenta de monitoraxe de datos.
Tamén se fixo avanzar a JEALSA no vieiro das solucións na nube, xa que a partir de agora poderá acceder á súa solución critica SAP facendo uso dunha plataforma SAP HANA as a Service en alta dispoñibilidade.
Servizos avanzados que marcan a diferenza
En termos más xenéricos, R sinala que as solucións dixitais subministradas á compañía de Rianxo permitiralle “ter unha visión global de negocio” e, aos seus profesionais, “estar en disposición de tomar as mellores decisións”.
José Manuel García, responsábel de produtos cloud da operadora, comenta: “JEALSA confiou en R durante os últimos anos para o seu proceso de transformación dixital. Durante este tempo, axudamos á empresa na mellora da súa produtividade ao liberar recursos e capacidade financeira para a innovación en actividades e procesos core do seu negocio”.

PUBLICIDADE