R incrementa a capacidade da súa rede na Mariña luguesa

mércores, 31 de marzo do 2021 Redacción

Tenda de R en Santiago de CompostelaO operador R vén de ampliar capacidade da súa rede en sete concellos da Mariña luguesa (Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove), o que lle permitirá ofrecer máis e mellores servizos a preto de 29.000 fogares destas localidades.
Para iso, o operador traballou nos últimos meses na extensión e mellora da súa rede, instalando novos equipos que lles dan servizo a estas áreas, para dotar á infraestrutura de R de maior capacidade e fortaleza, e lle responder ao aumento de tráfico na Internet e noutros servizos de telecomunicacións que se ten producido dende o inicio da pandemia hai xa un ano. Con este reforzo substancial da rede, o operador galego déixaa preparada de cara a novos aumentos do consumo de Internet, TV e telefonía que poidan producirse de agora en adiante.
Todos estes traballos de mellora da rede de R na Mariña para reforzala e aumentar a súa capacidade, forman parte do intenso traballo global desenvolvido por R nos últimos anos para optimizar a cobertura dos seus servizos no territorio galego, obxectivo que este último ano tivo unha prioridade máxima ante as crecentes necesidades do uso de redes. Esta inxente demanda levou o operador a realizar un investimento de case 4,6 millóns de euros para ampliar e reforzar as capacidades da súa rede de fibra na comunidade galega.
Ao tempo, estas actuacións compleméntanse cos desenvolvementos de tecnoloxía FTTH en zonas brancas de Galicia (as que non desfrutaron nunca de servizos de alta velocidade), no marco dos plans Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria nos últimos anos. En concreto, en 2020 conectáronse ás redes de nova xeración de R arredor de 30.000 vivendas na comunidade, o que supuxo xa un investimento de 9 millóns de euros que previsiblemente se aproximará aos 10 millóns de euros a peche de 2021.

PUBLICIDADE