R incrementa a velocidade das súas conexións á Rede de 15 e 50 Mbps a 20 e 100 Mbps
martes, 18 de decembro do 2012
R, operador galego de
telecomunicacións, comezou
esta semana anunciando novas vantaxes para os usuarios dos seus
servizos de conexión aos datos. Sen ir máis lonxe, este mes de
decembro a compañía comezará a subir a velocidade de Internet fixo
a boa parte dos seus clientes, anunciou. Esta medida, engaden fontes
do operador, non é única nin illada, e, de feito, responde a unha
liña xa iniciada hai tempo de melloras constantes e que o pasado
verán deu como resultado, entre outras cousas, a ampliación a seis
mbp/s dos paquetes nos que se viñan achegando tres. Agora é a
quenda de quen teña
15 ou 50 Mbps, que pasarán a ter 20 e 100 Mbps respectivamente.
Por
unha banda, explica
R,
os que teñen un produto con 15 Mbps, aumentarán tanto a velocidade
de descarga como a de subida, a 20/2 Mbps. E
prosegue:
“Mentres,
os que teñen 50 Mbps dobrarán tanto a baixada (downstream) como a
suba (upstream) e contarán cunha conexión de 100/10 Mbps; e, por
último, os que xa contan con 100 Mbps a día de hoxe, verán
rebaixada a súa factura”.
Segundo
explica R, estas “conexións ultrarrápidas”
están xa habilitadas en máis do 95% da rede de seu, e a comezos de
ano, durante os tres primeiros meses, poderán facerse realidade na
totalidade dos fogares e empresas conectadas á rede da empresa. A
día de hoxe, engade a compañía, poden contratar xa estes servizos
preto de 900.000 usuarios (domicilios e firmas privadas), o que veu
posibilitado, en gran medida, polo investimento realizado pola
empresa nos últimos dez anos: 890 millóns de euros, dos que 28
viñeron a través do Plan de Banda Larga da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Volvendo
aos aumentos de velocidade cos que se comezou esta nova, engadir que
a previsión é ir facéndoo de maneira gradual. Pero iso si: de
xeito automático e sen incremento nos prezos, indica R. E afectando
tanto a particulares como a empresas. “Deste
xeito”, explícase, “un
cliente que dispoña de dúas liñas móbiles do
operador galego con
cota, só pagaría 39,9€+IVE (prezo final) polo seu combo fixo con
100 Mbps, chamadas a fixos gratis, 300 minutos a móbiles de R e
100 minutos a móbiles por ter factura electrónica, e televisión en
aberto”.