R incrementa as canles de balde para prolongar o lecer e a formación dos escolares

martes, 24 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A operadora galega R achegou hoxe novidades importantes para mitigar a reclusión das familias derivada do estado de alarma e facer máis levadío o seu confinamento. Segundo fixo saber nun comunicado, nestes intres redobráronse os esforzos para garantir a conectividade e os servizos de calidade ofrecidos mediante a súa rede de fibra fixa e móbil. Isto tradúcese en máis operatividade móbil e máis contidos para a súa grella de TV.
En base ao devandito, achéganse novas canles infantís e educativas de balde para os seus clientes). Ás xa incorporadas a semana pasada ao comezo da crise sanitaria (Panda, Disney Junior, Disney XD) súmanse agora Baby TV, Nick e Nick Jr., que estarán dispoñíbeis nos diais habituais: Nick Jr, dial 150; Nick, dial 151; Baby TV, dial 153; Disney XD, dial 160, Disney Junior; dial 161 e Panda, dial 162.
As medidas extra postas en marcha hoxe polo operador tradúcense tamén en engadidos á grella de contidos divulgativos e formativos, como por exemplo a vindeira incorporación do especial programado por Canal Historia en rebobina con máis de 25 programas históricos. O obxectivo desta iniciativa en concreto é prolongar, na medida do posíbel, a actividade docente dos estudantes que, por mor do estado de alarma, non poden seguir cos seus estudos presenciais nin acudir aos centros educativos. “Queremos que os estudantes teñan a posibilidade de aprender historia de forma entretida cunha selección de series e documentais de corte didáctico sobre sete temáticas: Prehistoria, Civilizacións, Historia Clásica, Primeira e Segunda Guerra Mundial, Historia de España e Misterios”, explicou a operadora galega, engadindo que todas estas canles incorpóranse á proposta televisiva de R “de forma automática” para todos os clientes, “con independencia do paquete de televisión que teñan contratado e sen que teñan que facer nada”.

PUBLICIDADE