R incrementa os domicilios e empresas de Ribadumia que contan coa súa fibra óptica

mércores, 9 de setembro do 2020 Redacción

A operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de Ribadumia con posibilidade de a conectarse á súa fibra óptica FTTH (tecnoloxía de fibra até o fogar). O núcleo de Carrasqueira, no termo municipal pontevedrés, xa dispón de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e pode desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas desta localidade de Ribadumia”, segundo fixo saber a compañía.
Deste xeito, arredor de 75 novos fogares e negocios do dito núcleo ficaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. A esta cantidade sumaránselle outros 112 inmóbeis que se incorporarán en datas vindeiras (dos núcleos de Cruceiro Vello e Tabueiros), co que a peche de ano haberá 230 residencias particulares e empresas conectadas a estas redes avanzadas.
O operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en Ribadumia, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R (dende o ano pasado e no marco dun proxecto anterior do Plan Avanza adxudicado á compañía galega) un milleiro de fogares e empresas deste municipio da provincia de Pontevedra.
Este e outros despregues na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

PUBLICIDADE