R lanza estrea campaña coa promesa dun futuro innovador para clientes de telecomunicacións de Galicia
venres, 12 de xaneiro do 2024
A
operadora galega R arrincou 2024 ao grande. Concretamente, fíxoo
cunha nova campaña de publicidade destinada a “refrescar marca”
e “atraer todos os públicos do mercado”. En especial, o segmento
da mocidade. A campaña desenvólvese baixo o epígrafe R_voemos,
un lema da que a empresa bota man para “inspirar a poboación
galega cun futuro por crear onde, grazas ás telecomunicacións, todo
é posíbel”.
A
nova campaña pon o foco en mostrar imaxes imposíbeis e
sorprendentes, ao tempo que “inspiradoras para a comunidade
clientes”, como un humano cun filtro de cabalo que se pasea con
dignidade pola urbe (para “dar que falar”), un colega de
videoxogos que se conecta dende Orión, o receitario da avoa
descargado na cachola dunha cociñeira moi moderna... ou unha nena
cun casco de mil ollos para poder ver mil series e unha estupenda
señora maior que plana en patinete sideral esquivando o tráfico.
“Con
estas imaxes”, informa R, “pretendemos trasladar a mensaxe da
importancia das telecomunicacións nese futuro onde, grazas á
tecnoloxía, seremos quen de facer cousas que aínda non podemos nin
imaxinar.” Tamén, engade a operadora, preséntase como un xeito de
situar Galicia á vangarda do mundo en materia de innovación, o que,
segundo explica R, foi sempre un obxectivo fundacional da empresa. A
campaña tamén reforza os vencellos e o compromiso de R co
territorio galego, onde levou a cabo importantes investimentos no
desenvolvemento das novas redes de fibra e 5G.
Creatividade con Intelixencia Artificial pioneira en animación
A empresa de telecomunicacións engade que “a nova campaña de R quere inspirar o público a ser creativo e orixinal, e descansa sobre
valores como a frescura, a retranca, o desenfado e a diversión”. O
seu lema Voemos, segundo
apunta a compañía, convida a “soñar, crear e gozar” e a
mensaxe principal busca “que as persoas imaxinen o futuro para
poder crealo”. E faino con pezas gráficas e audiovisuais que
debuxan escenas rompedoras, irónicas, humorísticas, reflexo dese
mañá imaxinario. Para dar forma ao material que forma parte da
campaña R apostou pola Intelixencia Artificial, de feito, a
operadora salienta que “o anuncio da campaña é un dos primeiros
do mundo realizado con IA que consegue este nivel de acabados,
texturas e movementos de cámara”. Para iso utilizáronse
diferentes ferramentas de xeración de imaxes como Midjourney,
ademais de vídeo tradicional sobre o que a IA constrúe este
universo.
Alfredo
Ramos, director de R, explica que “a compañía naceu en Galicia en
1998, e dende entón a súa galeguidade innata camiñou ligada a
valores como a innovación, o investimento en tecnoloxía e a aposta
por servizos avanzados en resposta ás necesidades dos/das nosos/as
clientes/as. Estamos moi orgullosos/as do logrado e queremos seguir
medrando, ser aínda mellores e adaptarnos –como sempre fixemos,
con creatividade e innovación– aos novos tempos. O lanzamento da
nosa nova campaña de marca vincúlanos aínda máis coa actualidade
e coas inquietudes dos/das nosos/as clientes/as galegos/as, a quen
queremos ofrecer sempre a mellor tecnoloxía e os mellores servizos”.
Para
a realización desta campaña e a súa creatividade R confiou na
axencia galega Imaxe, reforzada pola produtora Vostok Films baixo a
dirección do realizador Cloré. A vertente musical vén da man do
músico coruñés Nano MZ, que enumera as xanelas ao futuro que
propón R a ritmo de reguetón.
O
lanzamento, este venres 12 de xaneiro, implicará a difusión de
materiais audiovisuais e gráficos en radio, marquesiñas, online
ou autobuses, ademais de contar con anuncios en TV e presenza na gran
pantalla de cines autóctonos.
Vídeo da campaña