R lanza un paquete específico para as familias con menos recursos: Internet Compromiso

mércores, 16 de setembro do 2020 Sonia Pena

Co fin de botar unha man aos estudantes de familias con menos recursos e garantir que teñan pleno acceso á teledocencia e ao coñecemento online, a operadora galega R lanzou a iniciativa Internet Compromiso, que pon en xogo conexión á Rede de 100 Mbps a un prezo de 14 euros. A promoción, moi indicada para uns tempos (os que vivimos) nos que se priorizan as comunicacións e as formacións en liña, ao que se suma un complexo contexto de crise económica e sanitaria, ten o obxectivo de “evitar que as familias con menos recursos fiquen atrás no proceso de transición dixital”.
Con este plan, R asegura unha conexión a internet de 100 Mbps de velocidade a un prezo de 14 euros, un prezo que se sitúa, nas súas palabras, “moi por baixo do mercado”, e engade “a vantaxe de que a primeira factura é gratis para as contratacións que se realicen no mes de setembro, ademais de que a instalación tamén é de balde”.
Internet Compromiso é o produto deseñado para “responder ás necesidades de conexión que se demostraron necesarias para esas familias nas que os/as estudantes teñen que seguir os seus estudos de forma telemática, e para seguir mantendo o contacto próximo cos/coas familiares mesmo nas situacións de illamento xeradas pola COVID-19”.
A promoción forma parte do proxecto de responsabilidade empresarial da operadora galega. Nas súas palabras, é unha contribución que “vai aló dunha oferta específica para converterse nun proxecto de responsabilidade empresarial porque, ademais de responder a unha necesidade moi presente na sociedade, ábrese á colaboración con institucións e organismos de ámbito social, educativo, sanitario e asistencial”. A este respecto, a compañía de cable lembra que xa hai moitas entidades que xa se mostraron interesadas en contar cun servizo acorde ás necesidades da poboación á que atenden, coa finalidade de distribuílo aos/ás seus beneficiarios/as.
Internet Compromiso conta cunha nova páxina web específica que xorde na contorna en liña co propósito de “responder e deseñar solucións tanto para particulares como para organismos públicos que poden, na páxina, formular as súas dúbidas e expor as súas necesidades”.

PUBLICIDADE