R leva a súa fibra ultrarrápida a 240 fogares e empresas de Petín

xoves, 25 de abril do 2019 Redacción

Exterior do consistorio de Petín nunha imaxe de Luis Sánchez García vista na Galipedia

A operadora galega R prosegue cos seus traballos de espallamento de redes ultrarrápidas (redes de Internet a través de fibra óptica) nos nosos concellos. Un dos máis recentes en estrear estes equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) é o de Petín, en Ourense. O fornecemento desta infraestrutura implica a dispoñibilidade de accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para 240 fogares e empresas do núcleo do municipio.
Os traballos de acondicionamento urbano e subministro de cable, novamente, tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas municipais previamente existentes no concello.
A achega de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto coas provincias de Lugo e Ourense, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para a provincia da Coruña e outro para a da Coruña. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Coruña o investimento total rolda os 3,8 millóns de euros, dos cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE