R leva fibra óptica de 500 Mbps a 1.450 fogares e empresas de Porto do Son
mércores, 8 de maio do 2019
A
compañía R vén de
incorporar a Porto do Son á rede de concellos que desfrutan das súas
redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica: o tecido
de municipios que contan cos avanzados equipamentos de FTTH (Fiber
To The Home) da operadora galega. O subministro desta
infraestrutura na capital do concello implica a dispoñibilidade de
accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono,
Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión
dixital multicanle de R) para 1.450 fogares e empresas da vila
costeira e a súa contorna.
Amais,
a finais de xuño conectaranse outros 1.230 fogares e empresas da
outra gran localidade do municipio, Portosín, o que dará como
resultado un total de 2.680 residencias particulares e negocios
conectados á rede do operador galego cando se completen todos os
traballos, uns traballos que, segundo explica a compañía de cable,
tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas municipais
previamente existentes na localidade.
O
fornecemento de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan
PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi
adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas
chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de
accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto
co da provincia da Coruña, o operador galego conseguiu tamén a
adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo
e Ourense e outro para a de Pontevedra. En total, os tres proxectos
supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3
son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do
Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan
Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de
Coruña o investimento total rolda os 3,8 millóns de euros, dos
cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R
engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro
provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas
“zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e
negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os
servizos avanzados de R en Galicia.