R mellora a súa 5G este verán con Intelixencia Artificial e Big Data
mércores, 16 de xullo do 2025

- A praia de Razo en Carballo
A operadora galega R aplicou a tecnoloxía máis avanzada e innovadora para garantir aos seus clientes “a mellor experiencia” coa súa rede 5G durante este verán estean onde estiveren. Apoiándose nas últimas innovacións en análise da información a a gran escala (Big Data) e Intelixencia Artificial, R avaliou o histórico de patróns de tráfico de datos case que na totalidade dos municipios galegos, máis de 300, para dotalos da mellor cobertura, velocidade e capacidade.
Deste xeito identificáronse os municipios onde máis aumentou o tráfico nos últimos anos durante o período estival (de xuño a setembro) e a partir de aí deseñouse un plan de reforzo de cobertura e despregadura específico en todos eles, priorizando praias e poboacións de menos de 10.000 habitantes.
Nestes momentos, R ofrece cobertura 5G en arredor do 90% das praias de Galicia e en máis de 240 localidades de menos de 10.000 habitantes.
A operadora fixo saber que “a atención segue centrándose en mellorar e reforzar a súa rede 5G nas catro provincias galegas”, e con base nese criterio da demanda de datos, intensificou especialmente a súa despregadura en 43 municipios da Coruña e noutros 46 de Lugo. Neste senso, destaca o reforzamento da tecnoloxía 5G de R en poboacións como as coruñesas de Carballo, Cedeira, Muxía, Muros, Ortigueira, Porto do Son e Ribeira. E nas lucenses do Cervo, Xove, Pedrafita do Cebreiro, Samos e O Vicedo.
Desprazamentos no verán
Pensando tamén no aumento do tráfico rodado e aéreo nos meses estivais, a análise avanzada de R con IA e Big Data dirixiuse igualmente a detectar outros puntos estratéxicos susceptibles de reforzo 5G para as persoas poderen gozar dun verán coa máxima cobertura en estradas galegas e en aeroportos. Neste senso, destacan os traballos na rede 5G na Autoestrada do Atlántico (AP-9), que discorre entre Ferrol e a fronteira portuguesa con paso pola Coruña, Santiago de Compostela, Padrón, Pontevedra ou Tui e que é unha das autoestradas con máis tráfico a nivel estatal; ou a cobertura reforzada no Aeroporto de Peinador, en Vigo.
Alfredo Ramos, director de R e do grupo MasOrange en Galicia, asegurou que “grazas a novas tecnoloxías como o Big Data para identificar os municipios con maior crecemento do tráfico de datos e ao uso de algoritmos con Intelixencia Artificial, abordamos o reforzo máis avanzado da nosa rede móbil 5G para este verán. Estamos seguros de que estas melloras suporán un servizo aínda mellor, se cabe, da rede de R , que os/as clientes/as van notar de xeito sensible”.
