R ofrecerá a Copa do Mundo da FIFA 2026 completa a través de DAZN
luns, 27 de abril do 2026
R ampliará a súa oferta televisiva coa incorporación íntegra da Copa do Mundo da FIFA 2026 grazas a un acordo con DAZN. A operadora galega permitirá que os clientes que teñan contratado DAZN LALIGA accedan aos 104 partidos do torneo sen custo adicional, mediante unha nova canle lineal específica da plataforma deportiva.
A competición poderá seguirse en directo, incluíndo todos os encontros da selección española, dentro da oferta televisiva do operador. Ademais, quen dispoñan do plan premium de DAZN tamén terán acceso ao Mundial a través da aplicación do servizo.
A edición de 2026 celebrarase entre o 11 de xuño e o 19 de xullo en Estados Unidos, Canadá e México, con partidos repartidos en 16 estadios. O torneo introduce un novo formato con 48 seleccións participantes, 16 máis ca nas edicións previas, organizadas en 12 grupos de catro equipos.
España quedou encadrada no grupo H e xa ten fixados tres encontros da fase inicial: o 15 de xuño fronte a Cabo Verde en Atlanta (18:00 horas), o 21 de xuño contra Arabia Saudita tamén en Atlanta (18:00 horas) e o 27 de xuño ante Uruguai en Guadalaxara (02:00 horas).
A incorporación do Mundial reforza unha grella deportiva que xa inclúe contidos como partidos de LALIGA EA SPORTS, LALIGA HYPERMOTION ou encontros destacados da Primeira RFEF, consolidando a proposta televisiva do operador no ámbito deportivo.
