R permite acceder a Amazon Prime Video a través do seu desco 4K

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Coa estrea do descodificador 4K por parte de R, o operador de cable abriuse aos provedores de contidos en liña grazas ao uso de Android TV, de xeito que, aparte de facilitar o acceso a plataformas como YouTube tamén permite gozar comodamente de servizos como Netflix (compañía coa que pecharon un acordo) e agora tamén de Amazon Prime Video, servizo de vídeo baixo demanda que está dispoñible a través do desco 4K dos clientes das compañías do Grupo Euskaltel (do que forma parte R).
Aínda que Amazon Prime Video é un servizo ao que normalmente acceden os subscritores Prime de Amazon en dispositivos móbiles, do dispositivo Fire TV Stick ou a través de certos Smart TV, pero coa incorporación da aplicación de Prime Video ao desco 4K ábrese unha nova posibilidade para os que non teñen un televisor que integre o servizo e queiran goza en pantalla grande do grande catálogo audiovisual que ofrece Amazon.
Até o momento eran os fabricantes de televisores os que loitaban por introducir Amazon Prime Video nos seus dispositivos, pero agora temos que tamén os operadores de telecomunicacións poden ser boas canles para a popularización deste servizo de vídeo baixo demanda que ten un volume de espectadores potenciais moi elevado, xa que está ao alcance de todos os subscritores de Amazon Prime, pero que en moitos casos non se aproveita debido a que os usuarios non contan con dispositivos que lles facilitasen a reprodución dos contidos no televisor.
Lembremos que Amazon Prime Video ofrece producións propias como The Man in the High Castle, Tom Clancy’s Jack Ryan, The Grand Tour ou Homecoming, con exclusivas como Pequeñas Coincidencias (con grande participación galega) e un completo catálogo de películas e series de televisión moi variadas.

PUBLICIDADE