R presenta a súa resposta aos Vodafone Pass

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado Vodafone incorporou unha interesante novidade a súa oferta de banda larga móbil: a posibilidade de contratar tarifas planas de datos destinados a tipos de contido (coñecidas como Vodafone Pass). Deste xeito, os usuarios podían acceder a redes sociais, servizos de música, servizos de vídeo ou mapas, sen que tal tráfico descontase datos na súa tarifa habitual. Esta fórmula para moitos usuarios supón o uso da Internet no móbil sen preocupacións, sendo unha opción máis económica que as tarifas con enormes volumes de datos ao mes.
Ante o atractivo desta oferta, dende R decidiron imitala, e agora presentan 5 bonos ilimitados de datos en función do tipo de contido, que comercialízanse a razón de 5 euros/mes cada un cunha limitación moi importante: só están accesibles para tarifas móbiles con chamadas ilimitadas en 10, 25 ou 50 GB de datos, o que pode resultar paradoxal, pois o principal atractivo destes bonos é non ter que contratar grandes volumes de datos no móbil.
Os bonos ilimitados de datos serían: bono redes (coa meirande parte das redes sociais); bono gramola (coas principais plataformas de música en streaming); bono claqueta (cos principais servizos de vídeo); bono fin de semana (para calquera aplicación do móbil, pero só entre o venres ás 14:00 horas e o domingo ás 23:59 horas) e office (coas aplicacións de Office 365). O tráfico que entraría nos bonos sería o producido polas aplicacións correspondentes aos servizos, ou sexa, que non incluiría o tráfico vía web, que sería o que se descontaría da tarifa de datos base.
Estes bonos por separado deixarían fóra a un importante volume de usuarios, aos que parecen querer atender con novas tarifas (independentes de liñas fixas), que serían as seguintes:
- gramola 0 2GB: con chamadas a 0 céntimos/minuto, 2 GB de datos e o bono gramola por 9 euros/mes
- redes plana 5GB: con minutos ilimitados, 5 GB de datos e bono redes por 19 euros/mes
- fin de semana plana 5GB: con minutos ilimitados, 5 GB de datos e bono fin de semana por 19 euros/mes
- redes plana 10GB: con minutos ilimitados, 10 GB de datos e bono redes por 29 euros/mes
- claqueta plana 20GB: con minutos ilimitados, 20GB de datos e bono claqueta por 39 euros/mes

PUBLICIDADE