R, recoñecida pola súa xestión ambiental de cero emisións de carbono
xoves, 19 de maio do 2022
A
operadora de orixe galega R vén de ser recoñecida pola súa xestión
ambiental ao alcanzar o obxectivo de cero emisións netas de carbono
e co certificado de Xestión Enerxética ISO 50001, norma que
reflicte o bo desempeño enerxético da organización e a súa
contribución para xestionar e reducir o consumo de enerxía.
Segundo
explica a empresa de telecomunicacións con sede principal na Coruña,
o certificado de cero emisións foi expedido por CEROCO, pertencente
á Fundación ECODES, cuxo obxectivo é “lograr os Obxectivos de
Desenvolvemento Sustentábel (ODS) e o cumprimento do Acordo de
París”.
R
destaca que “conseguir cero emisións netas de carbono significa,
ademais de ter un balance neutro de CO2, reducir ditas emisións ao
máximo e, polo menos, cunha traxectoria orientada a limitar o
quecemento global a 1,5 oC”. A empresa engade que o devandito fito
da neutralidade das emisións implica ademais “lograr un estado no
que a nosa cadea de valor non provoque ningunha acumulación neta de
dióxido de carbono na atmosfera, compensando as emisións residuais
a través de proxectos de plantación de árbores”.
R
reduciu as súas emisións de carbono nun 96% en só tres anos,
pasando de 7.159 toneladas de CO2 en 2018 a preto de 300 toneladas en
2021, que a compañía compensou con plans de reforestación.
Ademais
do certificado de Xestión Enerxética ISO 50001, R superou con éxito
a auditoría de seguimento e renovación das certificacións
ambientais coas normas ISO 14001 de Xestión Ambiental, Regulamento
Europeo EMAS, unha auditoría que incluíu a verificación das
declaracións ambientais de Euskaltel, R e Telecable.