R reforza a súa aposta polo fútbol incorporando a Primeira Federación Versus e-Learning

xoves, 2 de outubro do 2025 S. P.

A operadora galega R vén de reforzar a súa aposta polo fútbol coa incorporación da Primeira Federación Versus e-Learning. Estará dispoñible na nova canle Primeira Federación de R, onde serán emitidos os 10 partidos máis interesantes de cada xornada para gozar de enfrontamentos entre clubs históricos, filiais de equipos de LaLiga EA Sports e representantes de capitais de provincia. Entre eles, os clubs galegos C.D. Arenteiro, C.D.Lugo, Celta Fortuna, Ourense C.F., Pontevedra e Racing de Ferrol.
A operadora galega confirmou que o servizo de televisión de R é prestado por Agile tv a través de Over The Top Networks Ibérica SLU. Estes partidos estarán dispoñibles (para clientes/as de R que teñan o paquete de TV Opción Total) no dial 119, a continuación das demais canles que emiten contidos de competicións deportivas.
A oferta de tele de R inclúe fútbol de LaLiga EA Sports (Primeira División): 5 partidos por xornada das 35 xornadas de LaLiga EA Sports que emite a plataforma en Dazn LaLiga 1 e Dazn LaLiga 2 (sempre a través do descodificador do servizo de tele de R). E tamén toda LaLiga Hypermotion coa opción TV Total.
Esta fin de semana, tres citas cos galegos
Para estrear a nova canle en R, esta fin de semana emitiranse xa tres encontros con presenza de equipos galegos. Serán o Unionistas-Celta Fortuna (venres 3), o CD Lugo-CP Cacereño (sábado 4) e o Pontevedra-Talavera (domingo 5).