R renova colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

Foi nesta última semana do mes de xaneiro na sede viguesa do Círculo de Empresarios de Galicia cando se asinaba o acordo que converte a R, operadora de telecomunicacións galega, na patrocinadora e colaboradora institucional da entidade do Círculo de Empresarios de Galicia un ano máis. Manuel Rodríguez, presidente do Círculo, e Alfredo Ramos, director de R, eran os encargados de asinar o dito convenio.
Para o Círculo, a renovación deste acordo reafirma a aposta da asociación empresarial pola formación. Pola súa banda, o director de R, manifestou que “é unha satisfacción renovar este acordo de colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia pois a nosa alianza se mantivo ao longo dos anos, centrándose en proxectos e accións de valor para o tecido empresarial galego. Lográmolo coa divulgación de ferramentas e servizos que facilitan a transformación dixital das empresas galegas e prestando moita atención, no contexto actual, ás decisións baseadas en datos, Intelixencia Artificial (IA) e, especialmente, en ciberseguridade”.
Seguindo a estratexia de anos anteriores, ambas as entidades porán en marcha un programa variado de encontros para mellorar o modelo de negocio do tecido empresarial galego e adaptalo aos cambios do mundo dixital e tecnolóxico tamén na era da Intelixencia Artificial. Centrada en innovación e transformación dixital, a planificación dos almorzos R deste ano tratará temas como o relativo ás novas ferramentas de IA, Big Data, chatbots, Internet das cousas, blockchain...
Emporiso, este ano farase fincapé na formación das empresas para crear contornas dixitais seguras. De aí o obradoiro empresarial celebrado esta mesma semana na sede do Círculo onde Javier Franco, director de Márketing Empresas de R, dirixiuse a un auditorio de profesionais e empresarios/as para falarlles de Ciberseguridade non só para técnicos, e achegarlles algunhas claves que os/as axuden a protexer mellor os seus negocios.
Os encontros, en formato dixital ou híbrido (presencial + dixital) diríxense a empresarios/as e executivos/as, e contarán coa participación dun convidado/a especial, referentes na súa respectiva actividade profesional.
Asemade, R participará nun ciclo de xornadas públicas en formato de mesas redondas, onde se tratarán as tendencias do mercado centrándose na transformación das novas tecnoloxías e a innovación sobre determinados sectores de actividade empresarial.
Alén disto, a operadora galega colabora institucionalmente, por terceira vez, no ciclo de encontros do programa As mulleres na empresa actual, adicados a iniciativas de igualdade de xénero na empresa: A muller, no centro do cambio empresarial, O papel das mulleres na actividade empresarial, un alicerce de presente e de futuro, Mulleres directivas e emprendedoras, Mulleres no ecosistema emprendedor tecnolóxico, Inspirando: casos de éxito en diversidade de xénero e Mulleres e tecnoloxía: o reto do STEAM.

PUBLICIDADE