R renova o seu acordo de colaboración co equipo Celta Integra
xoves, 29 de febreiro do 2024
A operadora galega R e a Fundación Celta de Vigo renovaron o seu acordo de colaboración. Fixérono esta semana na sede do club deportivo, nun encontro encabezado polo director da Fundación olívica, Germán Arteta, o director de R, Alfredo Ramos, e Sergio Álvarez, conselleiro do club e ex porteiro do primeiro equipo, xunto a xogadores e corpo técnico do conxunto. Con este acordo, R quixo dar continuidade ao seu apoio a un equipo que xoga en LaLiga Genuine, competición de planteis formados por persoas do colectivo D.I (con discapacidade intelectual) e organizada por LaLiga.
Alfredo Ramos asegurou que para R “esta colaboración supón a contribución cunha sociedade máis xusta e solidaria. Apoiar o equipo Celta Integra dános máis do que lle ofrecemos, e permítenos expresar ano tras ano a nosa aposta compartida polo deporte, a integración social, a competencia sa e os bos hábitos de vida”.
Germán Arteta quixo expresar, en nome da Fundación e do equipo, o seu “máis sincero agradecemento a R pola súa continua colaboración e xeneroso apoio. A vosa contribución e compromiso foi fundamental para amplificar a visibilidade do noso equipo e para crear novas sinerxías que nos axudan a avanzar promovendo a inclusión e o desenvolvemento dos nosos xogadores (...) Esperamos seguir contando co voso valioso respaldo no futuro, mentres continuamos a nosa viaxe cara á igualdade de oportunidades e á celebración da diversidade no deporte. Unha vez máis, grazas por crer na nosa causa e por serdes parte fundamental do noso equipo”.
Sergio Álvarez tamén lle mostrou o seu agradecemento a R e pediu á empresa de telecomunicacións que siga crendo na iniciativa: “O soño deste grupo é xogar ao fútbol, e hai que darlles a oportunidade de facelo onde eles queren, no Celta. Grazas por axudarnos a que este proxecto siga sendo importante, non só pola parte deportiva, senón especialmente polo gran labor que fai o Fundación Celta Integra para a inclusión destes mozos e mozas na sociedade. Espero que esteades moitos máis anos connosco contribuíndo a cumprir os seus soños”.
Novas tecnoloxías tamén para o Celta Integra
Froito do novo convenio e para fomentar “unha educación o máis integral e inclusiva posíbel”, a operadora e a entidade olívica prevén pór en marcha un obradoiro didáctico sobre seguridade dixital (ou sobre algún outro tema relacionado coas novas tecnoloxías) dirixido aos integrantes do equipo Celta Integra. Ademais, como colaborador do conxunto ata o final da presente tempada 2023-24 de LaLigaGenuine o logo de R estará presente no equipamento deportivo dos xogadores e do corpo técnico, e figurará igualmente na web do equipo.