R salienta a importancia da Intelixencia Artificial para avanzarmos en competitividade

venres, 27 de novembro do 2020 Redacción

Na mañá deste venres 27 celebrouse en formato online o almorzo dixital Claves para rendibilizar ao máximo os datos da túa empresa. Organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e máis R, os expertos reunidos no encontro virtual coincidiron en salientar “a importancia vital da información e do dato nas organizacións para asegurar o crecemento e a competitividade de negocios e empresas en todos os sectores”.
Así o subliñaron os dous especialistas en transformación tecnolóxica do operador galego e do Grupo Euskaltel que pilotaron este encontro ao que se conectaron medio centenar de representantes
de alta dirección de empresas: por unha banda Miquel Gil, responsábel comercial de Intelixencia Artificial de R e do Grupo, e pola outra Alberto Díaz Freire, responsábel de Transformación dixital de R e do Grupo Euskaltel.
Gil fixo fincapé na necesidade de planificar a innovación e asegurou que “levamos tempo escoitando o concepto de Intelixencia Artificial e mesmo algunhas compañías xa comezaron a adaptar este tipo de tecnoloxías nos seus procesos. A realidade demóstranos que en todo caso cómpre deseñar sempre unha estratexia para acadar o éxito e tirarlle o máximo partido a estas solucións”.
Pola súa banda Alberto Díaz Freire, puxo o acento en que o dato se está a converter no activo máis importante das empresas. “Todo deixa rastro dixital e é posíbel obter a información completa do negocio, dos clientes e dos procesos en tempo real. Por iso, a adaptación das empresas aos novos tempos implica asumir de cheo o proceso de transformación dixital, xa que a tecnoloxía e a innovación seguirán a ser a panca clave do desenvolvemento empresarial, imprescindíbel para competir ao máis alto nivel dentro e fóra das nosas fronteiras”, comentou.
Nesta liña pero dende outra perspectiva tamén falou este mércores, no foro Capacita Directivos sobre Empresa Intelixente, José Penas, director de Grandes Contas de R e de Telecable. Penas centrouse na transformación dixital como “factor decisivo da recuperación económica” e subliñou que “a posta en valor das infraestruturas de telecomunicación permitiunos e segue a permitirnos afrontar a situación de pandemia e aliviar en parte os seus prexuízos nas nosas contornas (...) Nesta crise sanitaria estase a producir unha aceleración incríbel da transformación dixital das empresas, feito que coincide no tempo co despregue das redes ultrarrápidas 5G: e isto aínda vai acelerar máis este proceso, se cabe”.

PUBLICIDADE