RELEARN impulsou no Campus de Ferrol a creación dunha nova plataforma educativa e intelixente europea
xoves, 13 de febreiro do 2025
A sala de conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves 13 de febreiro a última das xornadas de traballo, en formato híbrido, presencial e en liña, do Proxecto Europeo Erasmus+ RELEARN, no que participa profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC).
Deseñar unha plataforma educativa que fomente a aprendizaxe baseada na investigación botando man dunha serie de algoritmos de aprendizaxe automática e da Intelixencia Artificial para atopar as publicacións, os libros ou os artigos científicos máis axeitados en función da temática que se estea a estudar. Este é o principal obxectivo de RELEARN (Research based teaching for life-long LEARNing) que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.
A empresa sueca de servizos dixitais de apoio ás actividades de investigación e educación Research Unfolded Sweden AB coordina este proxecto de innovación docente no que tamén participan a Josip Juraj Strossmayer University of Osijek (Croacia), a Sapienza Università di Roma (Italia), a University West (Suíza), a Universidade da Coruña (España) e a empresa de programación informática RUn IT (Bosnia e Herzegovina).
RELEARN conta cun orzamento total de 251.350 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 36.570 euros para levar a súa parte do proxecto grazas ao traballo do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) do Campus da Coruña, así como de alumnado do programa de doutoram
O programa da última xornada de traballo celebrada este xoves 13 de febreiro incluíu dúas mesas redondas. Na primeira delas, titulada Perspectivas do profesorado sobre os métodos de ensinanza – investigación e as plataformas, participaron o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e integrante do Grupo de Investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Jorge L.Beceiro; o tamén profesor na EPEF e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), Javier Pernas; a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e integrante do Grupo de Investigación Cardiovascular (GRINCAR), Sara F. Basanta; e a tamén profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e integrante do Grupo de Investigación en Reumatoloxía e Saúde (GIR-S), Raquel Veiga.
Pola súa banda, na segunda mesa redonda, titulada Perspectivas do estudantado sobre os métodos de ensinanza – investigación e as plataformas interviron os estudantes do programa de doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, Laura Sabela Vázquez e Julio Barreiro. Acto seguido, celebráronse dúas conferencias, a primeira a cargo do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador no Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), Fran Bellas, e a segunda, impartida polas traballadoras da Biblioteca Ángela Ruíz Robles da Universidade da Coruña (UDC), Beatriz Regueira e Vanesa Loureiro.