R_voemos, da axencia Imaxe, mellor campaña publicitaria nos IX Premios Paraugas
luns, 25 de novembro do 2024
Os Premios Paraugas, que entrega anualmente o Clúster da Comunicación de Galicia, galardoaron na súa novena edición como mellor campaña a R_voemos, pensada e realizada pola axencia galega de publicidade Imaxe en colaboración con Proximia.
Este certame, que recoñece os mellores traballos en impresión, deseño, creatividade, mercadotecnia, comunicación e eventos de Galicia, recibiu este ano 250 candidaturas para esas 6 categorías, nas que se valoran non só o resultado ou impacto de cada campaña, senón tamén as boas prácticas no seu desenvolvemento.
Seco Cuenca, director creativo executivo de Imaxe, recolle na gala o premio no acto de entrega que se celebrou, por segundo ano consecutivo, no Teatro Jofre de Ferrol.
Agradeceu este recoñecemento e dixo que “R_voemos é unha campaña con moita Intelixencia Artificial, pero tamén ten moito corazón. Porque nos demostra que a IA é máis unha ferramenta ao servizo da creatividade e que o máis importante é e sempre será a idea que hai detrás. E detrás desta campaña hai unha chea de xente: o equipo de R que confiou e fixo achegas en cada etapa do proxecto, todos os departamentos da axencia e, por suposto, tamén a xente de Vostock Films que se meteu nesta lea”.
Para desenvolver a campaña o equipo creativo de Imaxe apostou por “ideas-forza cargadas de vitalidade, pulo e promesa de futuro”, tres dos puntais da operadora galego dende o inicio da súa andaina, segundo lembraron fontes da empresa galega de telecomunicacións, engadindo que R_voemos é “o lema que refresca a marca R dende principios de ano coa mensaxe de que todo é posíbel grazas ás telecomunicacións e á visión dun mañá innovador para os seus clientes”.
Dende 2006 e ata agora, incluíndo este premio Paraugas que se lle concedeu este venres a Imaxe, as campañas e outros traballos publicitarios de R, de marca ou produto, recibiron un total de 39 premios, entre autonómicos, estatais e internacionais; oito deles nos dous últimos anos. Entre a case que decena de festivais e certames que distinguiron o operador galego figuran o Smile Festival, Publifestival, Premios de Publicidade en Galego, Selección Clap, Letra Awars, Wina, Anuaria, Laus e agora tamén os Premios Paraugas.