Radio Nacional cesa as emisións de radio AM

mércores, 19 de novembro do 2025 Redacción

RTVE anunciou o remate definitivo das emisións de Radio Nacional de España en Onda Media antes do 31 de decembro, un fito que marca o fin dunha tecnoloxía que acompañou ao país desde 1937 e que abre a porta a unha nova etapa centrada na radio dixital en DAB+. A corporación reforza así a súa aposta por un modelo máis moderno, eficiente e alineado cos estándares europeos, onde a maioría dos estados avanzan cara á dixitalización das súas redes de radiodifusión sonora.
O DAB+, que ofrece maior calidade de audio, máis contidos e un servizo en aberto adaptado ás necesidades actuais, será a peza central deste cambio. RNE terá un papel protagonista no seu despregue estatal, concibido como un paso necesario na evolución tecnolóxica da radio pública e como unha resposta directa á transformación dos hábitos de escoita da poboación.
A corporación lembra que o declive da Onda Media leva décadas en marcha. A audiencia trasladouse masivamente á FM nos anos oitenta pola súa maior calidade e variedade de contidos. Hoxe apenas un 1 % dos oíntes continúa na Onda Media, nun contexto no que en Europa 26 países xa apagaron por completo as súas emisións e noutros, como Italia, República Checa ou Eslovenia, as radios públicas abandonaron esta banda. A fabricación de receptores compatibles tamén se reduciu drasticamente e cada vez menos vehículos incorporan sintonía de Onda Media.
Co anuncio do apagado, RTVE porá en marcha unha campaña informativa para orientar a cidadanía cara ás alternativas dispoñibles. Radio Nacional e Radio 5 contan cunha ampla cobertura en FM, poden escoitarse en calquera fogar con TDT e están presentes en todo o territorio a través da Internet mediante RNE Audio. Ademais, reforzarase a cobertura en FM nas zonas máis afectadas polo apagado.
A decisión responde tamén a criterios ambientais e de eficiencia. Os centros emisores de Onda Media (dos que en Galicia temos unha ducia) presentan un consumo eléctrico moi elevado, con forte impacto económico e unha pegada de carbono moi superior á da FM e, sobre todo, á do DAB+. Trátase dunha tecnoloxía nacida nos anos vinte e superada tecnicamente desde mediados do século pasado.
A nova rede en DAB+ incorporará en España o sistema ASA (Automatic Safety Alert), unha ferramenta pioneira que permitirá enviar alertas automáticas en caso de emerxencias. Os receptores compatibles activaranse de maneira automática para ofrecer mensaxes faladas con información esencial, acompañadas de texto e imaxes nas súas pantallas. A experiencia da apagada do 28 de abril, no que a radio foi o único medio capaz de ofrecer información continua a boa parte da poboación, serviu como recordo da súa función esencial en situacións críticas.