Raiola Networks presenta a súa nova plataforma de aloxamento en Madrid
mércores, 19 de outubro do 2022
Raiola
Networks, empresa galega provedora de servizos de hosting
posta en marcha hai case unha década (en 2014 polos lucenses
Álvaro Fontela e Martín Gómez), vén de dar un paso importante na
súa relevante andaina tecnolóxica ao activar a súa nova plataforma
de aloxamento en Madrid. A nova infraestrutura, baseada nunha rede
propia e servidores Dell ensamblados persoalmente pola compañía,
permitirá a Raiola detectar e mellorar os seus puntos débiles de
forma áxil.
O
lugar elixido para aloxar os servidores é “un centro de datos de
primeiro nivel de Madrid”, explicou a empresa, salientado que “a
capital española é un lugar ideal para conectarse a Internet, xa
que é onde se centralizan a maioría das redes do país”.
Amais,
Raiola decantouse por un Centro de Procesamento de Datos de “primeiro
nivel”, con conexión ao anel de fibra da cidade, explicaron os
responsábeis de Raiola, facendo saber que grazas a esta conexión
poden conectar a súa rede interna a varios provedores, garantindo
así un excelente servizo aos seus clientes: latencia baixa, bo
peering e moita velocidade.
Esta
nova rede MultiBGP propia atópase conectada externamente a varios
provedores de rede con 50 Gbps de conectividade total. Á súa vez,
Raiola está conectada a DE-CIX, que pasa por ser o maior punto de
intercambio neutro da Península e un dos máis grandes do mundo.
“Produtos
como os servizos de hospedaxe SSD, elástico ou con CMS xa se poden
contratar en Raiola Networks coa seguridade de que estarán na nosa
nova plataforma situada en Madrid”, engadiu a empresa, anunciando a
presentación de máis produtos ao seu catálogo ao longo dos
próximos anos “co fin de ofrecer solucións integrais de
aloxamento en Internet”.