Rajeev Suri será o novo conselleiro delegado de Nokia

martes, 29 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tras a compra da división de móbiles de Nokia por parte de Microsoft a compañía finlandesa perdía o seu conselleiro delegado, Stephen Elop, que pasaba a encabezar o departamento de dispositivos de Microsoft, e para cubrir este baleiro anuncian hoxe que a partir do 1 de maio o novo presidente e conselleiro delegado de Nokia pasará a ser Rajeev Suri, quen espera ser unha peza chave na reinvención de Nokia.
Suri leva traballando en Nokia dende 1995 en distintos postos de responsabilidade, ocupando dende 2009 a dirección de NSN (proxecto conxunto de Nokia e Siemens que actualmente só é propiedade de Nokia), tendo unha probada traxectoria no negocio das infraestruturas de telecomunicacións.
Baixo esta nova dirección Nokia buscará atender ás necesidades dun futuro cada vez máis conectado: capaz de achegar conectividade a un volume masivo de dispositivos e a un crecemento exponencial do tráfico de datos; con servizos de localización que poidan unir os mundos virtual e real; e cun grande nivel de innovación, no que as tecnoloxías de sensorización, radio e baixo consumo cobrarán unha maior relevancia. Nokia pretende afrontar estes retos dende as súas divisións de Redes (NSN), HERE e Tecnoloxías, departamentos que non venderon a Microsoft.


Saúdo en vídeo de Rajeev Suri como novo conselleiro delegado de Nokia

PUBLICIDADE